Martes, 6 Maio de 2025

Luis López salienta o “gran valor social” dos Premios Cidade de Tui

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, salientou hoxe o “gran valor social” dos Premios Cidade de Tui durante a gala de entrega dos galardóns celebrada este mediodía no Teatro Municipal da Área Panorámica con motivo da xornada de clausura das Festas do San Telmo 2021.

O representante autonómico, que entregou o premio, a título póstumo, concedido ao animador e divulgador Alberto Estévez Piña, trasladou os parabéns da Xunta de Galicia aos galardoados, entre os que tamén figuraban a Residencia San Telmo, xestionada polas Hermanitas de los Ancianos Desamparados dende 1882, e o escultor Silveiro Rivas.

Luis López agradeceu ao Concello e á sociedade tudense “o seu compromiso co recoñecemento público aos grandes defensores e embaixadores da vida económica, social e cultural deste municipio a través destes premios” e destacou a importancia da posta en valor “da xente que traballa na consecución dos fitos colectivos nunha vila tan antiga, tan rica en historia e de tanta importancia para Galicia”.

Polo demais, o delegado territorial tamén valorou moi positivamente a celebración das Festas do San Telmo, das máis coñecidas da comunidade galega, con seis xornadas cheas de actos “que se desenvolveron sen ningunha incidencia misturando os estritos protocolos de seguridade sanitaria con eventos virtuais para poder ir recobrando pouco a pouco a normalidade da vida social sen deixar de manter a raia a ameaza da covid-19”.

“Quero destacar e agradecer a gran responsabilidade e o compromiso do pobo de Tui para celebrar o San Telmo aceptando estas necesarias limitacións, pero amosando a todo o mundo que podemos ir recuperando paseniñamente e con moito coidado a nosa vida social, que é algo que agardamos que poida acelerarse a medida que segue a avanzar o proceso de vacinación”, concluiu Luis López.