Do 19 ao 21 de xaneiro vaise celebrar o II Foro de Emprego Emprega Tui. Está organizado polo Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui en colaboración con distintas entidades e empresas. Realizarase cun dobre obxectivo de achegar coñecemento e recursos sobre o mercado laboral ás persoas que están na procura de emprego e de achegar man de obra cualificada e formada ás empresas que procuran persoal.
O II Foro de Emprego ‘EMPREGA TUI’ amplía nesta segunda edición o seu programa triplicando o calendario de actividades previstas con respecto á primeira edición.
Debido a actual situación ocasionada pola pandemia terá lugar en formato virtual e presencial. Esta última modalidade, a presencial está limitada exclusivamente a un máximo de 30 persoas, dirixida a aquelas persoas que non dispoña dos medios para conectarse mediante dispositivos electrónicos. Igualmente terán preferencia na participación presencial os participantes do PIE. Poderase participar de forma virtual no Foro para o que será preciso realizar a inscrición de forma gratuíta.
O Foro Emprega Tui desenvolverase no antigo convento de San Domingos o martes 19, mércores 20 e xoves 21 de xaneiro de 9:30 a 13:30h.
O acto de apertura correrá a cargo da concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez e do persoal técnico adscrito ao programa integrado de emprego e a clausura corresponderá ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.
EMPREGA TUI contará coa presenza dun elenco de empresas de diversos sectores que aportaran aos asistentes coñecemento do mercado laboral, da demanda de emprego na nosa contorna, dos postos de traballo que se precisan cubrir a curto e medio prazo, de cales son as necesidades do sector, de como son os procesos de selección, das aptitudes, habilidades ou actitudes máis valoradas nas súas empresas e no mercado laboral en xeral, coa finalidade de proporcionar información útil ás persoas demandantes de emprego. Tamén se facilitarán os contactos e as vías para inscribirse nas súas ofertas de emprego. Así mesmo, exporán as necesidades e requisitos á hora de realizar unha contratación e as claves que axuden a superar os procesos de selección con éxito.
As empresas participantes nesta segunda edición do Foro son empresas de Tui e da contorna pertencentes aos sectores metalúrxico, loxístico, alimentación, comercio, consultoría de RR.HH ou emprendedores valentes que asumiron a difícil tarefa de emprender en tempos de pandemia.
Ademáis da participación das 15 empresas, o Foro conta cun completo programa composto por 6 webinares impartidos por referentes no mundo da xestión das persoas que pretenden aportar ferramentas e recursos na mellora da empregabilidade dos participantes.
Cada xornada terán lugar dous webinarios. O martes 19 o primeiro correrá a cargo de Daniel Gomez sobre “Como aumentar a miña empregabilidade”. Este webinario axudará a que os participantes reflexionen sobre como está cambiando o mercado do emprego e coñecerán estratexias que poderían axudarlos a ter máis opcións de conseguir traballo. O segundo webinario previsto o martes será “Mindset para novos tempos: instalando o teu antivirus mental” con Raquel Pedrouso. Os participantes coñecerán o Mindset como filosofía de crecemento persoal e profesional, incorporando ao seu día a día mentalidades abertas apreciativas cara un mesmo e o entorno que nos rodea.
O mércores 20 terá lugar o webinario de Raquel Rodriguez “Descobre os teus recursos”. O Talante é a mestura do talento e cómo decides actuar con el, é como facer a mellor xogada coas cartas que temos; é que facemos coas nosas experiencias e como as utilizamos ao noso favor e non en contra; é afrontar a vida e non enfrontala. E posterioremente “Sectores emerxentes para o emprego e o autoemprego” por Mario Weitz, economista, profesor e consultor; foi conselleiro delegado do Fondo Monetario Internacional e actualmente é consultor do Banco Mundial e profesor de escolas de negocios como ESIC e IESIDE.
O xoves 21 abordarase o emprendemento con Anabel Diaz de IDAE consultores no webinario “Emprender en tempos de adversidade”, que achegará consellos a ter en conta á hora de emprender un negocio en momentos de adversidade coma os que vivimos actualmente. Estes consellos axudarán a dar os primeiros pasos do autoemprego con máis seguridade. E por último “Portugal: unha porta ao emprego” por Elisa Gonzalez, técnica do Eures Transfronterizo (Servizos de Emprego Europeos) que facilitará información sobre oportunidades de emprego e condicións de vida e traballo no Espazo Económico Europeo.
Compre destacar a participación o xoves 21 de Daniel Lorenzo, responsable do departamento de Marketing, Comunicación, RSC e Innovación do Centro Comercial Vialia de Vigo que están actualmente en fase de recrutamento para cubrir os 1500 postos de traballo que precisa a posta en marcha do novo centro comercial de Vigo e que ofrecerán asesoramento para a inscrición no portal de emprego de VIALIA.
As persoas interesadas en participar en Emprega Tui, ben de forma presencial ou virtual, deberán inscribirse de forma gratuíta no correo [email protected], nos teléfonos: 670 24 56 33 e 986 60 16 51, por whatsapp no 663 83 92 68, ou persoalmente no segundo andar Centro Municipal de Formación Municipal do Concello de Tui en Guillarei en horario de 9 a 14 horas.
A concelleira de Formación do Concello de Tui, Ana Nuñez, destaca que “estas xornadas son unha experiencia moi positiva que facilitan a inserción laboral xa que axudan a conectar directamente cos responsables de RRHH ou xerentes dalgunhas empresas relevantes de diversos sectores profesionais e permiten achegar coñecemento sobre os procesos de selección e ofertas de emprego as persoas desempregadas aumentando as súas oportunidades de emprego”.
Coa realización deste II foro, o Concello de Tui continua a demostrar o seu compromiso co emprego, traballando por achegar oportunidades de emprego ao territorio e servindo de vínculo para facilitar o contacto entre as persoas desempregadas e as empresas da nosa contorna.
Dende a Concellería de Formación e Emprego faise un chamamento a todas as persoas en busca activa de emprego, así como a todas as empresas que estean a procurar persoal a empregar o servizo municipal de “Orientación” e a “Bolsa de emprego”. Estes servizos establecidos no Centro Municipal de Formación en Guillarei están a disposición das empresas e das persoas desempregadas empadroadas no Concello de Tui que están a procurar emprego. Para os mesmos pódese solicitar cita previa no correo electrónico [email protected] ou no teléfono 986 60 32 28.