18.3 C
Pontevedra
Mércores, 16 de Outubro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiCora Novoa, autora de 'Espazo do Eu', ofrecerá unha visita comentada á...

    Cora Novoa, autora de ‘Espazo do Eu’, ofrecerá unha visita comentada á exposición na Sala Municipal de Tui

    Este xoves, 8 de xullo, ás 11:30 h terá lugar unha visita comentada á mostra Espazo do Eu a cargo da súa autora Cora Novoa. Poden asistir todas as persoas interesadas até completar o aforo establecido.

    A exposición pode visitarse até este sábado na Sala Municipal, na Área Panorámica. A mostra é o traballo de fin de grado realizado pola artista tudense na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, da Universidade de Vigo.

    A propia Cora Novoa afonda na significación desta exposición coas seguintes palabras: “para poder partir, en ocasións, precisamos establecer un suposto, catalogar ou fraccionar, como forma de achegamento. Este proxecto xorde da necesidade de entender, explorar e achegarme ao concepto do “Eu” dende o único “eu” que podo experimentar. O eu configura o espazo que habito. Un Eu múltiple, consciente, cambiante, fluído, fragmentado”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.