17.7 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiClausurado o Obradoiro de Emprego de Tui tras o excelente labor realizado...

    Clausurado o Obradoiro de Emprego de Tui tras o excelente labor realizado na recuperación do patrimonio

    Vinte alumnos e alumnas obtiveron o seu certificado de profesionalidade en cantería e carpintería, logo de realizar labores de recuperación e restauración en bens patrimoniais como lavadoiros e fontes en todo o Concello

    A Aula da UNED en Tui acolleu este pasado venres o acto de clausura do Obradoiro de Emprego ‘Revaloriza Tui’. Unha actividade formativa que se viña desenvolvendo dende outubro de 2021 e na que participaron vinte alumnos e alumnas que hoxe recibiron o seu certificado final de profesionalidade. Dez deles o fixeron na modalidade de cantería especializada en Colocación de Pedra Natural e Montaxe e outros tantos na de carpintería en Instalación de Construcións de Madeira.

    Este curso era unha aposta do Concello de Tui para mellorar o currículo das persoas participantes e facilitar a súa inserción laboral, feito que se cumpriu con gran éxito grazas a un bo número de alumnos que xa comezou, ou o fará nos próximos días, o seu futuro laboral nestes ámbitos. En concreto tres están xa incorporados a un posto de traballo relacionado coa formación recibida e dous máis o farán a próxima semana.

    No acto estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Formación e Emprego, Ana María Núñez, e a xefa territorial de Emprego da Xunta de Galicia, Marta Mariño, amais de Raquel Fernández, directora do obradoiro, e o profesorado. Primeiro proxectouse un vídeo resumo da formación no que se mostraron as actividades de rehabilitación realizadas polo alumnado ao longo destes meses en espazos e bens patrimoniais de todo o Concello de Tui e as súas parroquias: a fonte de Albelos en Guillarei e os lavadoiros de Laxes en Randufe, o de Souto en Guillarei e o de Fontenla en Areas. O resultado en todos eles constata os coñecementos adquiridos ao longo destes meses polo alumnado de cada especialidade

    A concelleira de Formación e Emprego do Concello de Tui, Ana María Núñez, tomou primeiro a palabra para valorar positivamente o desenvolvemento do curso, agradecendo o traballo do profesorado e destacando a boa disposición do alumnado materializado no bo número de participantes que xa obtiveron ou obterán de xeito inmediato a súa inserción laboral nuns ámbitos moi demandados.

    Pola súa parte a xefa territorial de Emprego da Xunta de Galicia, Marta Mariño, trasladou os parabéns polo éxito da formación e das prácticas nos bens patrimoniais rehabilitados e os ánimos ao alumnado para que continúen traballando e apostando nestes ámbitos para o seu futuro laboral.

    Pechou o acto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, para destacar o gran resultado final dos traballos de rehabilitación nun patrimonio que a cidade precisaba recuperar e poñer en valor. Trasladou tamén o agradecemento a todos os implicados na boa realización deste obradoiro, comezando polo profesorado, o equipo do Concello de Tui encargado de proxectar este curso e a Xunta de Galicia polo apoio á cidade. Finalizou Enrique Cabaleiro facendo fincapé na predisposición do goberno local para seguir apoiando proxectos formativos en diversos ámbitos que permitan impulsar o futuro laboral dos veciños e veciñas de Tui.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.