Sábado, 3 Maio de 2025

Aberta a reserva de entradas para o I Festival Internacional de Artes de Rúa

Até 30 minutos antes do inicio de cada espectáculo poderán solicitarse nas webs www.tui.gal e www.visitvalenca.com

Dende o mediodía de onte está xa dispoñible a reserva de entradas para os espectáculos que esta fin de semana se celebrarán na Eurocidade Tui-Valença, no marco do I Festival Internacional de Artes de Rúa.

O público pode reservar a súa entrada, de forma gratuíta, nas webs www.tui.gal e www.visitvalenca.com até 30 minutos antes do inicio do espectáculo. En cada operación poden reservarse un máximo de 2 entradas.

O Festival conta cun protocolo anticovid cumprindo as medidas sanitarias vixentes. No lugar dos espectáculos é obrigatorio o uso de máscara, así coma a desinfección con xel no acceso. Débese manter a distancia de seguridade e permanecer sentado durante o espectáculo. Cómpre lembrar que os aforos están limitados en cada un dos espazos onde terán lugar as actividades.

Seis lugares acollerán dende este venres as 24 funcións previstas. Serán o Jardim das Amoreiras e o Largo do Governo Militar na Fortaleza de Valença, e o Jardim Municipal, tamén en Valença, o Paseo da Corredoira, o Paseo Fluvial e a Praza do Concello de Tui. Tamén haberá espectáculos itinerantes que percorrerán rúas e prazas da Eurocidade.