O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, achegáronse ata o Centro de Interpretación Casa Forestal Ingeniero Areses para supervisar unha dobre actuación na que se investiron 33.000 euros e que contempla a creación dunha zona de lecer con xogos infantís e elementos biosaudables e a posta en valor e mellora da súa senda botánica.
“É fundamental manter en perfectas condicións os nosos fitos naturais, como este Parque Natural do Monte Aloia, o primeiro que tivo Galicia coa súa declaración en 1979, tanto polo seu gran valor ambiental, natural e paisaxístico como polo enorme potencial turístico que ten, polo que paralelamente tamén temos que ofrecer servizos e comodidades, respectuosas coa contorna, para os seus visitantes”, explicou o representante autonómico.
[su_image_carousel source=”media: 32639,32638,32637″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
A primeira actuación consistiu na posta en valor da senda botánica que parte ao carón do centro de interpretación e na que se procedeu ao reforzo do percorrido con nova pavimentación a base de zahorra e a súa posterior compactación.
Así mesmo, neste paseo mudáronse unha trintena de carteis e paneis informativos, xa que os anteriores estaban obsoletos e quedaron reemprazados por uns novos de alta calidade en vinilo polimérico e materiais antiferruxe. Ademais, tamén se completou o arboretum coa plantación de oito novas especies, orientadas a incrementar os valores naturais e educativos, e se efectuaron outras tarefas de coidados ambientais en todo este espazo.
Por outra banda, a Consellería de Medio Ambiente tamén dotou a esta contorna do lugar de Circos, na entidade local menor de Pazos de Reis pertencente ao municipio tudense, dun parque infantil con xogos para a cativada e outros elementos biosaudables para a realización de exercicios físicos. En concreto, colocáronse un bambán dobre, un xogo educativo de panel e dous balancíns de silueta cun valado perimetral de madeira de 50 metros de lonxitude, mentres que os demais aparellos instalados na contorna permiten as prácticas de volante, cabalo e esquí de fondo.