8.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiA XI Eurocidade BTT celebrarase o 17 de marzo agardando reunir a...

    A XI Eurocidade BTT celebrarase o 17 de marzo agardando reunir a 1200 participantes

    Haberá dous percorridos de 45 kms e 80 kms, e por vez primeira todos os participantes subirán ao Monte Faro en Valença, amais de ao Aloia en Tui

    A XI Eurocidade BTT, que se celebrará o domingo 17 deste mes, aspira a reunir a 1.200 participantes nunha proba única de carácter transfronteirizo. Este evento, que forma parte do calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença, foi presentado este mediodía polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, os concelleiros de Deportes de Tui e Valença, Rafael Estévez e Arlindo Sousa, o seleccionador da Federación Galega de Ciclismo, Óscar Sánchez, o presidente da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas organizadores da BTT, Eduardo Fernández, así como o ciclista local Manuel Bugallo. Contará con dúas distancias, 45 kms e 80 kms, e por vez primeira os particiantes de ambas distancias subirán ao monte Faro en Valença.

    O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención que a Eurocidade BTT “reúne todos os ingredientes para converterse nunha proba única”. Aludía así ao seu carácter transfronteirizo, á participación que acada, e ao entorno natural polo que transcorre. Reafirmou o rexedor tudense o compromiso da Eurocidade co deporte e con esta proba. Aproveitou amais para recoñecer á Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas o seu traballo agradecéndolle a organización dun evento destas características.

    No mesmo senso pronunciouse o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, agradecendo o traballo que hai xa meses comezou a Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas para preparar todas as pistas por onde pasará o percorrido. Referíase a esat coma unha proba “raíña” na Eurocidade. Ao tempo aludiu tamén á organización dunha andaina, que guiará o club Andatui, dirixida aos acompañantes dos ciclistas. Agarda Rafael Estévez chegar aos 1.200 inscritos, lembrando que o prazo remata este domingo.

    O seu homólogo de Valença, Arlindo Sousa, puxo o énfase en que a Eurocidade BTT é unha proba en pleno contacto coa natureza, que permite aos participantes coñecer os dous municipios e “os nosos montes”. Amosou a súa satisfacción polo feito de que por primeira vez os dous percorridos suban ao Monte Faro.

    O seleccionador da Federación Galega de Ciclismo, Óscar Sánchez, amosou a súa satisfacción polo feito de que a Eurocidade BTT forme parte tamén do calendario deportivo da federación galega, e destacou que de todas as probas que celebran ao longo do ano, nas distintas modalidades, esta é a máis numerosa en canto a participación. Salientou tamén o lugar por onde transcorre o percorrido.

    O presidente da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, Eduardo Fernandez, explicou de forma detallada o percorrido da proba nas dúas distancias 45 kms e 80 kms. Sairá ás 9 h do entorno da piscina municipal de Valença para facer os cinco primeiro quilómetros neutralizados polas rúas de Valença e Tui. Comezará a ascensión polas ladeiras do Monte Aloia e volverá a Valença pola vella Ponte Internacional até a Fortaleza, no quilómetro 20, para continuar pola freguesía de Gandra e subir ao Monte Faro. Na baixada haberá dúas opcións, unha con trialeiras e outra alternativa por pistas, até volver á Ponte Internacional onde ás 12.30 h se marcará o punto de corte para os que afronten o percorrido longo de 80 quilómetros. Os participantes continuarán por Areas, Pexegueiro, o sendeiro do Furnia, Malvas, o Aloia, baixando por Frinxo, Rebordáns, até a zona da Veiga do Louro onde cruzarán pola ponte peonil da desembocadura do río Louro, e volverán a Valença onde no interior da fortaleza estará situada a liña de meta.

    Animaba Eduardo Fernández a participar, lembrando que o prazo de inscrición remata este domingo a través da web biciosos.gal.

    Por último o corredor local, Manuel Bugallo, salientaba que esta é proba “espectacular e única en Galicia” animando a participar na mesma.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.