Domingo, 4 Maio de 2025

A selección galega absoluta de remo está esta fin de semana concentrada en Tui

Os equipos masculino e feminino adestrarán no río Miño e contarán cunha alta representación tudense

Esta fin de semana, a Federación Galega de Remo, en colaboración co Club Remo do Miño, organizará en Tui a concentración da selección galega de remo olímpico na categoría absoluta masculina e feminina. Asistirán un total de 22 remeiros e remeiras, pertencentes a 7 clubs galegos. Esta concentración ten como obxectivo a preparación do Campionato de España de remo olímpico e de autonomías, que se celebrará en Castrelo do Miño, os días 18 e 19 de febreiro.

Os e as deportistas adestrarán no río Miño e pernoctarán nas instalacións do Centro Especializado en Tecnificación Deportiva de Remo e Piragüismo de Tui. Entre os convocados estarán os deportistas do  Club Remo do Miño, Carlota González, Nuria Domínguez, María Cristina González, Rodrigo Conde e Jesús González, así como do Club Remo Tui, Laura Solla e Martín Sías. Nesta convocatoria tamén participará como temoneira, Rebeca Rodríguez, do Club Remo do Miño.

Tanto Carlota González, como Rodrigo Conde, concentrados habitualmente en Sevilla, seguirán adestrando durante toda a semana en Tui, e ao remate do Campionato de España, iniciarán as competicións internacionais co obxectivo da clasificación para os Xogos Olímpicos de París 2024.