10 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiA N-551 en Areas poderá converterse en tramo urbano

    A N-551 en Areas poderá converterse en tramo urbano

    O cambio desta delimitación está sometido a información pública tras a súa aprobación provisional

    O Concello de Tui considera de vital importancia o cambio na delimitación como tramo urbano da N-551 en Areas o que convertera este treito de estrada en zona urbana, e permitirá o crecemento do municipio nesta zona coa construción de empresas, espazos comercias e vivendas ao reducirse de 50 a 25 metros a afección.

    Arestora, e por un período de 30 días, está sometida a información pública a resolución do Ministerio de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana pola que se aproba provisionalmente o “Estudo de delimitación de tramo urbano e modificación da liña de límite de edificación na N-551 entre os pp.kk. 0+150 a 1+900” en Tui.

    O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que é “una noticia importante, porque nos vai permitir viabilizar en todo ese tramo de estrada actuacións de ámbito urbano que doutro xeito non poderiamos levar a cabo”. Engade o mandatario que “de aprobarse definitivamente suporá que a afección neste tramo urbano da estrada pasará dos 50 metros actuais a 25, co que se viabilizarán posibles construcións de vivendas, negocios ou superficies comerciais, que até o de agora non era posible executar”.

    O rexedor tudense explica que foi o propio concello quen se dirixiu por escrito ao Ministerio solicitando este cambio. Unha modificación que reiterou o propio Enrique Cabaleiro na reunión que o pasado 12 de xaneiro mantivo en Madrid co director General de Carreteras,  Javier Herrero.

    O Concello de Tui realizou un estudo para tratar de facer unha nova delimitación considerando ese tramo entre o coñecido coma o cruce do Parador na Avenida de Portugal, e o GADIS, en Areas, como travesía urbana.  Ese documento foi trasladado ao Ministerio que iniciou os pertinentes trámites administrativos.

    Este Estudo de Delimitación sométese agora durante 30 días, tras a súa publicación no BOE,  a información pública para que as persoas interesadas poidan presentar alegacións. De non presentarse alegacións considerarase aprobado definitivamente. Tamén enviaron notificación ao propio Concello de Tui e á Xunta de Galicia para que emitan informe. 

    O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, avanza que o seguinte paso a dar, tras conseguir esta delimitación como tramo urbano, será traballar de cara á humanización deste treito de estrada por parte do Ministerio, de forma previa ao traspaso de competencias sobre o mesmo ao Concello de Tui. Así llo trasladou xa o pasado mes de xaneiro ao director General de Carreteras,  Javier Herrero, na reunión que mantiveron en Madrid onde lle confirmaron a “inminente licitación” da humanización do tramo da avenida de Portugal dende a vella Ponte Internacional até a intersección coa N-551.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.