20.5 C
Pontevedra
Mércores, 8 de Maio de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiA IX Eurocidade BTT abre inscricións

    A IX Eurocidade BTT abre inscricións

    A proba celebrarase o domingo 20 de marzo

    A partir das 00.00 horas de maña, sábado 12 de febreiro, estarán abertas as inscricións para a novena edición da Eurocidade BTT, proba ciclista de montaña, organizada pola Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença e subvencionada polo proxecto INTERREG UNICIDADE VALENÇA-TUI. Celebrarase o domingo 20 de marzo, con saída as 09.00 horas españolas, dende a piscina municipal de Valença.

    Esta proba, que non se puido celebrar nos anos 2020 e 2021 pola pandemia, retoma a súa celebración neste ano 2022, coa expectativa de chegar ao número de participantes da oitava edición, onde máis de 1.100 ciclistas percorreron os Montes Aloia e Faro, participando nunha das probas máis recoñecidas en Galicia.

    Como nas edicións anteriores, pódese optar por dúas distancias, a ruta curta de 44 quilómetros e 1.200 metros de desnivel positivo e a ruta longa, de 74 quilómetros e 2.000 metros de desnivel positivo.

    As inscricións poden facerse a través da web www.biciosos.gal, onde pode atoparse toda a información dos prezos para ciclistas federados e non federados, así como as datas límites para facelas, non permitindo a inscrición no día da proba.

    Dado que tanto a situación epidemiolóxica, como o protocolo federativo o permiten, a organización estableceu a cifra de 1.200 participantes como máximo, pechando o período de inscrición no momento de chegar a ese número.

    Dende a Eurocidade Tui-Valença agradecese a Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, o traballo que está realizando en pro do fomento do deporte e do turismo deportivo, ao organizar unha das probas máis participativas da Eurocidade e unha das máis agardadas do calendario anual dos ciclistas de montaña de Galicia e Portugal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.