17.6 C
Pontevedra
Domingo, 13 de Outubro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño presenta a nova edición de O Siñor Afranio, a obra que...

    Tomiño presenta a nova edición de O Siñor Afranio, a obra que recolle a fuxida de Antón Alonso Ríos

    A obra contén contribucións inéditas extraídas das xornadas en homenaxe ao líder galeguista celebradas en 2017

    Este sábado tivo lugar no Mercado de Tomiño a presentación da terceira edición do libro O Siñor Afranio, a obra que narra as memorias do político e líder agrarista Antón Alonso Ríos como fuxido das forzas sublevadas en 1936, un periplo de máis de dous anos no que percorre o sur de Galicia facéndose pasar por esmoleiro ata lograr chegar a Bos Aires. Publicada por primeira vez en 1979 pola Editorial Castrelos da man de Xosé María Álvarez Blázquez, foi reeditada pola Editorial A Nosa Terra no ano 1996, atopándose esgotada ata a elaboración desta nova edición realizada polo Concello de Tomiño a cargo da historiadora Natalia Jorge Pereira.

    O emotivo acto tivo foi tamén retransmitido en directo por streaming a través das redes sociais, acompañándoo por esta canle familiares e persoas achegadas ao protagonista desde países como Arxentina, Perú, Estados Unidos ou Francia. Foi presentado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen estivo acompañada por Bieito Alonso, responsable da anterior edición do libro feita por A Nosa Terra, e por María Ortega, deputada provincial de Patrimonio Material, Memoria histórica e Normalización Lingüística.

    A presentación da obra supón poñer un broche de ouro a catro anos de memoria iniciada co proceso participativo polo cal o IES de Tomiño pasou a chamarse Antón Alonso Ríos. Virían despois outros actos como as xornadas en homenaxe ao mestre desenvolvidas no ano 2017, das cales se extraeron importantes contribucións que estarán presentes nesta nova edición do libro. Algunhas delas son as lembranzas de varios membros da súa familia; as conclusións extraídas da mesa redonda celebrada o último día das xornadas nas que se mostra a súa dimensión máis humana, elaboradas pola xornalista Rita Alonso; intervencións dos historiadores Xosé Manoel Seixas e Xosé Manuel Malheiro; reflexións do cineasta Víctor Aparicio, creador do documental O Siñor Afranio protagonizado por Luis Tosar ou un relato de ficción elaborado polo xornalista tomiñés José Benito Fernández, afincado en Madrid, entre outras novas aportacións que complementan a obra orixinal.

    “O Afranio non só é un percorrido pola traxectoria vital de Alonso Ríos, é unha reflexión filosófica, antropolóxica e etnográfica dun país que está a piques de sufrir un absoluto traumatismo”, sinalou na súa intervención Bieito Alonso, quen salientou a importancia fundamental de seguir mantendo vivo o movemento memorialista, ao igual que destacou a deputada María Ortega, quen agradeceu ao Concello de Tomiño ter promovido esta reedición sobre “unha figura referente da potencialidade do noso país que temos que recuperar”.

    Clave na historia por ser unha das primeiras achegas das memorias dos exiliados da guerra, O Siñor Afranio é tamén un periplo pola Galicia rural da época, un retrato das valentes e solidarias xentes que arriscando a súa vida axudaron a salvarlla a moitas persoas. “Cómpre destacar o papel das dobremente invisibilizadas, as mulleres loitadoras, coprotagonistas deste libro de fuxidos, porque son elas as que visten, esconden e lle dan de comer a Afranio, as que contribuíron a que hoxe poidamos falar de Alonso Ríos”, declarou a rexedora.

    Foi especialmente destacable a intervención por videoconferencia desde Arxentina de Diego Clemenz Alonso, neto do protagonista, un momento cargado de emoción no que aproveitou para mandar agradecementos e felicitacións en nome de toda a familia.

    O acto finalizou coa proxección dun vídeo elaborado polo alumnado do IES Antón Alonso Ríos, un momento cargado de emotividade no que se repasaron as vivencias do líder galeguista a través de ilustracións elaboradas polos propios alumnos e alumnas.

    Ao remate foron repartidos exemplares do libro entre o público asistente, onde a alcaldesa aproveitou para lembrarlle a aquelas persoas que non puidesen asistir ao acto que poden solicitar un na Casa do Concello. “Queremos que O Siñor Afranio continúe estando nas casas de Tomiño como un tesouro, como sempre foi”, afirmou.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.