O Concello de Tomiño quere axudar á veciñanza a xestionar de xeito rápido, áxil e cómodo todas aquelas cuestións sanitarias accesibles a través das novas tecnoloxías. Por este motivo, pon a disposición dos tomiñeses a aula CeMIT, que organizará na primeira quincena de agosto varios cursos gratuítos para aprender a manexar as aplicacións PassCOVID e Sergas Móbil. “Queremos que todos os tomiñeses e tomiñesas teñan acceso á sanidade non só de forma presencial ou telefónica, senón tamén dixital, o que ten unha morea de beneficios para a veciñanza”, salienta a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
Fomentar o emprego destas aplicacións permitirá ademais axudar a desconxestionar a xestión de trámites cotiás nos centros de saúde, que nestes intres están saturados ante a alta demanda de activacións da ‘Chave 365’, necesaria para cuestións como obter o certificado de vacinación COVID. “Cada proceso leva máis de 15 minutos e aínda que nós ofrecémoslle ao Sergas poder realizar como administración este trámite de momento non é posible. Por iso queremos animar e ensinar á veciñanza a empregar estas aplicacións, que permiten realizar diferentes trámites sen ter que acudir ou chamar ao centro de saúde”, explica a rexedora.
A aula CeMIT organizará varias quendas deste curso de 2 horas de duración na que as persoas participantes poderán adaptar os horarios ás súas necesidades sempre que coincidan co horario de apertura da aula, de luns a venres de 09.30 a 13.30 horas e os martes tamén de tarde de 16.30 a 20.30 horas.
Para inscribirse só é preciso anotarse presencialmente nas instalacións da aula CeMIT, situada no Campo da Feira; chamando ao teléfono 986 62 33 04 ou enviando un correo electrónico a [email protected].