12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño organiza un concurso de debuxo escolar baseado nos Obxectivos de Desenvolvemento...

    Tomiño organiza un concurso de debuxo escolar baseado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

    O Concello da Tomiño organiza un concurso de debuxo escolar co fin de sensibilizar e implicar á poboación do municipio sobre a transcendencia da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) adoptados polas Nacións Unidas no ano 2015 co fin de erradicar a pobreza, fortalecer a paz universal e o acceso á xustiza.

    Un proceso no que se atopa inmerso o municipio deseñando o seu “Plan de Implantación dos ODS no Concello de Tomiño 2022-2024”, enmarcado no programa “A Axenda 2030, un reto local nun mundo de transformación II”, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa financiación da Xunta de Galicia e co traballo do ICSEM (Instituto para el Crecimiento Sostenible de la Empresa, como entidade executora).

    Neste marco, está prevista a realización dunha serie de actividades de divulgación e sensibilización entre a poboación de Tomiño na procura da sustentabilidade. Entre elas, establécese o devandito CONCURSO DE DEBUXO para nenos e nenas matriculados nos centros educativos de Primaria do concello (de 1º a 6º), co tema: “Os ODS no meu Concello”.

    Para participar será necesario facer chegar o debuxo á organización, ben a través do colexio, ben deixándoo na Casa do Concello (Praza do Seixo, 1).

    En todos os casos, o debuxo deberá ir acompañado (preferiblemente na parte de atrás) do nome do autor/a, curso, e nome do centro, ademais dos datos para ser contactado en caso de ser seleccionado pola organización.

    No centro, a alcaldesa, á súa esquerda., Andrea García, do Fondo Galego de Cooperación e concelleiras e técnicos do Icsem

    O prazo de presentación de traballos comezará o luns 14 de febreiro finalizando o 25 do mesmo mes.

    Tomiño é un dos catro concellos de Galicia (e o único de Pontevedra) que está a redactar un Plan Municipal para a Implementación dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles) co apoio do Fondo Galego de Cooperación.

    Trátase dunha iniciativa para coñecer a situación real do Concello con respecto á súa contribución cos ODS, tanto a nivel de estratexias municipais, como de implementación real. Esta diagnose inicial servirá como guía e referencia á hora de elaborar o futuro plan e unha serie de accións de comunicación e sensibilización aos colectivos sociais e á cidadanía en xeral.

    A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, comprometeuse a colaborar en todo o posible para que o plan municipal “sexa unha ferramenta transversal, veraz e útil que guíe a actividade do goberno local cara a cada un dos ODS”.

    Temática dos debuxos

    Os traballos e debuxos terán que gardar algunha relación con algún dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable adoptados pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas dentro da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, un plan de acción a favor das persoas, o planeta e a prosperidade, que tamén ten a intención de fortalecer a paz universal e o acceso á xustiza. Esta axenda establece 17 ODS con 169 metas de carácter integrado e indivisible que abarcan as esferas económica, social e ambiental. Entre eles atópanse accións como erradicar a pobreza en todas as súas e promover a agricultura sustentable; garantir unha educación de calidade inclusiva e equitativa; alcanzar a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas; garantir a dispoñibilidade e a xestión sustentable da auga e o saneamento para todos; asegurar o acceso a enerxías alcanzables, fiables, sustentables e modernas para todos; fomentar o crecemento económico sostido; reducir as desigualdades entre países e dentro deles; tomar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos, etc.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.