O Concello de Tomiño levará a cabo obras de mellora no Campo de Fútbol O Regatiño, de Goián, por valor de 205.000 euros.
O investimento foi aprobado no último pleno ordinario, celebrado o 23 de xullo, coma unha das partidas principais do Expediente de modificación de créditos Nº 05/20.
A Concellaría de Deportes, que dirixe Fran Campo, planea a reforma do campo co fin de dotar á poboación dun espazo de xogo con condicións idóneas para a práctica do fútbol e ademais, que posibilite o emprego intensivo da cancha e cun fácil mantemento. O concelleiro estivo en contacto coa directiva do club dende hai tempo co fin de que as obras respondesen ás necesidades do colectivo.
Ocampo do Regatiño, localizado na Avenida Brasil esquina Avenida Pío Troncoso na parroquia de Goián, ten unha superficie de 9.600 m² dotada de céspede artificial, que na actualidade presenta un importante deterioro, coa existencia de amplas zonas nas que a fibra ten unha lonxitude mínima ou se atopa totalmente esmagada.

Esta situación produce un deficiente uso da instalación, xa que se produce un bote irregular da pelota, e afecta a evolución dos xogadores, modificando as condicións de agarre ao terreo do calzado deportivo, o que pode provocarlles lesións musculares e articulares.
Por outra parte, nas gradas existen dúas fileiras de bancos plásticos para uso dos afeccionados, nas que é necesario repoñer ou substituír algúns elementos.
A finalidade dos traballos é mellorar o equipamento deportivo municipal coa instalación dun céspede artificial de nova xeración, acorde coa evolución técnica deste tipo de produtos deportivos, que ofrecen unha maior resistencia ao desgaste e reducen custes de mantemento.
Asemade, colocarase unha capa amortiguadora de caucho, o que reducirá o impacto dos xogadores e xogadoras ao caer ao solo, e fará que a herba artificial teña unha vida útil máis longa.
Por outra banda, procederase á reposición dos bancos ausentes e a substitución dos que se atopan deteriorados, o que repercutirá na comodidade dos afeccionados.