9.7 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño consolida o seu innovador programa Encaixa-T

    Tomiño consolida o seu innovador programa Encaixa-T

    Tomiño segue traballando para ser un referente en políticas de infancia e adolescencia. O Concello vén de aprobar en pleno a renovación do convenio con Aldeas Infantís SOS de Galicia para consolidar o programa Encaixa-T, un innovador proxecto posto en marcha o curso pasado para atender á infancia dun xeito integral recollendo as necesidades de apoio escolar e psicosocial, de atención psicolóxica e de apoio ás e aos familiares de referencia para que nenos e nenas poidan vivir de forma integrada e feliz na súa contorna.

    Tras o bo funcionamento do primeiro ano, o Concello segue a apostar por esta iniciativa que converte a Tomiño nun centro de proximidade grazas á colaboración do Servizo de Educación e Apoio á Familia (SEAF) municipal e os Grupos de Atención de Proximidade (GAP) de Aldeas Infantís. Rapaces e rapazas de 6 a 17 anos poden participar neste programa que emprega unha metodoloxía innovadora, con actividades socioeducativas que se desenvolven na Aula Estudo e con sesións psicoterapéuticas que se realizan nas instalacións dos Servizos Sociais municipais.

    O equipo está integrado por una educadora social, una psicóloga e pola coordinadora dos GAP, que traballan en estreita colaboración coa técnica responsable do SEAF do concello. “Apostamos por atender á nosa infancia e adolescencia dun xeito integral, coordinando recursos e fomentando sinerxías para prestar un servizo moi necesario”, explica a alcaldesa, Sandra González, que salientou a importancia de crear este espazo socio-comunitario no que atender ás necesidades da rapazada e das súas familias achegando recursos sen que teñan que desprazarse e facilitando a superación daquelas situacións que supoñen una brecha na igualdade de oportunidades.

    O concelleiro de Benestar Social, Rubén García, salienta ademais a relevancia de contar cun programa como o Encaixa-T nun momento no que a atención psicolóxica pública segue a ser deficiente, xa que permite “poñer remedio a problemas que se poden facer crónicos e que desta maneira se atallan nunha idade temperá, permitindo que nenos e nenas acaden unha integración plena e unha oportunidade para vivir nunha contorna mellor, máis segura e feliz”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.