Sábado, 3 Maio de 2025

Tomiño instalará contedores de recollida de roupa de Cáritas

Serán instalados catro contedores en varios puntos do municipio

O Concello de Tomiño vén de asinar un convenio coa empresa de inserción laboral de Cáritas, Servicios Comerciales de Inserción Laboral, para a instalación de contedores para a recollida de roupa.

En base ao acordo, o Concello comprométese a conceder un espazo para a colocación dos contedores de roupa de Cáritas de forma gratuíta, mentres que a empresa, ten como finalidade a creación de postos de traballo de inserción sociolaboral a través da xestión do residuo téxtil, será a encargada da recollida da roupa, que será reciclada e destinada a fornecer ás persoas sen recursos da vestimenta necesaria.

Está previsto que sexan instalados catro contedores en varios puntos do municipio, entre os que se atopan os seguintes:

  • Instalación no torreiro de festas do barrio do Hospital.
  • A zona deportiva de Sobrada (Torrón), instalación ao carón do colexio.
  • A parroquia de Barrantes, instalación ao carón do CEIP de Barrantes.
  • O núcleo urbano do Seixo, colocación na rúa Tui.

A duración do convenio será de dous anos e a instalación dos contedores está prevista para a vindeira semana.

Proceso da roupa usada

O proceso que se realiza na actualidade pasa pola recollida e almacenamento da roupa, e polo seu posterior envío. Esta roupa recíbese nunha planta situada en Munguía, con persoal do programa de inserción laboral de Cáritas.

Este emprego é por un prazo de ata tres anos, xa que o obxectivo é a reinserción no mercado laboral. Depois, esta roupa lévase ás tendas de Cáritas para a súa posterior venta.

O diñeiro que se consegue, tanto coas tendas como coa venda de roupa, a plantas de reciclaxe reinvístese na súa totalidade no programa de reinserción laboral.

O proxecto téxtil é unha iniciativa que xa está a funcionar plenamente en máis de 26 diocesis españolas, que forman parte da rede de Cáritas.