Sábado, 3 Maio de 2025

Tomiño acolle novas historias ao son das Catro Estacións de Vivaldi

Tomiño pechará o Mes do Amor e a súa programación teatral de novembro a ritmo da música clásica. Este domingo 26 de novembro a compañía Os Monicreques de Kukas chega a Goián para conmemorar o 300 aniversario das Catro Estacións de Vivaldi cun divertido espectáculo para público familiar, ‘Viva Vivaldi (1, 2, 3 e 4 Estacións), no que recollen os cambios que se producen en cada unha das estacións do ano a través de pequenas historias que valoran a importancia da amizade e das relacións afectivas e solidarias.

Interpretado por Marián González, Larraitz Uruzola e Marcelino de Santiago, pequenos, pequenas e maiores poderán gozar durante a tarde do domingo das peripecias da pintura Maruxa, da escritora Rosalía e o músico Antón, que crearán un mundo fantástico e poético cuns monicreques tratados cunha paleta de cores brillantes e contrastados.

A actuación, dirixida a público familiar, será ás 17.30 horas no auditorio municipal de Goián e terá un prezo de 3 euros para persoas adultas e de 1,5 euros para nenos e nenas menores de 12 anos. As entradas poderán comprarse unha hora antes do espectáculo no despacho de billetes do propio auditorio.