Domingo, 4 Maio de 2025

SOS Tomiño Baixo Miño fai da a coñecer o balance do 2019

A Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño vén de dar a coñecer o balance de actuación do recen rematado ano 2019 no que a asociación fixo entrega de máis de 150 toneladas de alimentos. A comezos de ano eran 91 familias e 312 persoas as que atendía SOS Tomiño Baixo Miño, números que, tristemente, incrementábanse a final de ano ata as 123 familias e 381 persoas.

Por municipios e por familias axudadas, 26 son de Tomiño, 69 de Tui, 8 no Rosal e 20 en Oia. Cómpre salientar que neste pasado ano 2019 chegábase a un convenio co Concello de Oia e, dende o 15 de xuño, comezouse a repartir alimentos coas familias derivadas de Servizos Sociais. O Concello de Oia, pola súa banda, cedeu á Asociación un local para a almacenaxe e distribución de alimentos.

O traballo desenvolvido por SOS Tomiño Baixo Miño foi posible, sinala a Asociación, “grazas á colaboración de empresas e tamén das diferentes administracións local, provincial, autonómica e estatal”. É importante destacar a doazón de particulares, tanto en forma de alimentos como de servizos e do Banco de Alimentos de Vigo, co que se traballa estreitamente.

Doutra banda, o traballo dos voluntarios “é o que permite que o proxecto da Asociación siga adiante” apuntan dende SOS Tomiño Baixo Miño, xa que o labor que realizan é múltiple: no almacén, controlando e clasificando alimentos; nas recollidas de alimentos; na elaboración dos lotes de alimentos que se entregan a cada beneficiario; na repartición quincenal; na atención ás familias, na xestión da documentación. Cada unha das funcións, realizada de forma calada e anónima, é fundamental para que esta Asociación poida continuar o seu traballo coas familias que carecen de recursos.

Indubidablemente, as e os voluntarios de SOS Tomiño Baixo Miño fan un traballo inmenso, labor que realizan sacándolle tempo á súa vida cotiá e as súas familias. “Por iso, o seu traballo é tan importante e o servizo que prestan á comunidade, é impagable”, remata a Asociación.