O Concello de Tomiño ven de estrear a semana pasada unha nova senda peonil ao seu paso pola parroquia de Forcadela. Un proxecto que foi demandado pola veciñanza no Concello Escoita e que resultou da colaboración conxunta entre a institución municipal e a Xunta de Galicia.
Dende o Concello invertiuse un total de 48.000 euros para a creación do novo itinerario, buscando non só responder a unha demanda da veciñanza senón permitindo tamén unha mellora significativa da súa seguridade e mobilidade. A senda, cunha extensión de 1.5 kilómetros, conecta diversos puntos de interese do pobo, dende a Casa dos Mestres ata as escolas do CRA Mestre Manuel Garcés.
Ademais, o convenio asinado coa Xunta de Galicia tamén supón o cambio de titularidade da estrada, que agora pasa a ser de responsabilidade e xestión municipal no devandito tramo da estrada PO.195 -kilómetros 0.020 a 1.530-.
A alcaldesa, Sandra González, acompañada dos concelleiros, Cristina Martínez e Agustín González, visitaron o lugar xunto con algúns representantes da Asociación de Veciños, destacando que “esta nova senda supón unha mellora significativa para Forcadela, creando un entorno máis seguro e accesible para todas e todos. Ademáis, temos que agradecer o apoio e colaboración continua da veciñanza para sacar adiante este proxecto”.
Aproveitando as datas festivas, ao encontro tamén se sumou Papa Noel, brindando un toque festivo á visita e achegándose a falar con todos os alí presentes.