As concelleiras socialistas de Tomiño, Violeta de Santiago e Mirta Misa volveron a demandar, no último pleno celebrado o pasado 12 de xullo, que se poñan en marcha os acordos aprobados por unanimidade no mes de novembro, a raíz dunha moción socialista, referentes a unha maior transparencia das sesións plenarias.
A moción instaba ao Goberno, en primeiro lugar, a que dera forma á posibilidade de retransmitir as sesións plenarias a través da web municipal, tal e como fan outros concellos e, na mesma liña, solicitábase a creación dunha hemeroteca “na que queden as gravacións ‘íntegras’ de todas as sesións plenarias”.
Asi mesmo, a moción socialista facía fincapé que tanto a emisión coma o arquivo das gravacións “realizaranse de forma íntegra e obxectiva, sen ningún tratamento nin edición, para garantir a imparcialidade que require este exercicio de información e transparencia”.
Finalmente, a moción aprobada por unanimidade, pedía que a través dos recursos propios do Concello, se difundira esta ferramenta entre a cidadanía.
Pese a ser aprobada por unanimidade, Violeta de Santiago e Mirta Misa denuncian que o pasado pleno “foi por fin gravado, ou iso cremos, pero nin emitido, nin difundido, nin publicitado… polo que seguen a incumprir o acordado” o que leva ás concelleiras do PSOE preguntarlle ao Goberno os motivos de “votar a favor se non cren na transparencia”.
De feito, segundo o PSOE tomiñés, o pleno do pasado 12 de xullo, sorprende pola opacidade do Goberno ante a importancia e transcendencia dos puntos debatidos e aprobados. Entre outros, unha modificación de créditos que suporá un suplemento de crédito de 1.000.000 € que se financiará cun préstamo bancario, para sufragar, 14 anos despois, a construción da biblioteca pública.
Por outra banda, foi aprobada inicialmente a modificación puntual n° 9 do PXOM. Se cadra neste tema, afirman as concelleiras socialistas, “sorprende máis o escurantismo neste tema” xa que se ben está en exposición pública como corresponde, “non foi publicitado por ningunha canle do Concello, o que non deixa de ser sorprendente cando afecta a moita veciñanza”.
As concelleiras socialistas, pola súa banda, levaron temas de interese para a veciñanza como a ordenanza fiscal sobre as plusvalías, tema sobre o que a portavoz Violeta de Santiago preguntou que é que a pasar con este importo “xa que veciñas e veciños están a recibir uns recibos desorbitados por herdanzas”. Falamos, engadiu a portavoz socialista, “de moitos miles de euros nesta situación actual de pandemia, pagamentos que moitas familias non poden afrontar e cun total descoñecemento sobre esta taxa municipal inxusta e desproporcionada” pregunta á que o voceiro nacionalista respondeu que “os veciños deberían ter lido as ordenanzas municipais e descargou as responsabilidades nas asesorías xurídicas do Concello”.