Sábado, 3 Maio de 2025

O PP de Tomiño pide explicacións ante o “atasco” das licenzas urbanísticas

O Partido Popular de Tomiño pedirá ao goberno local que dea explicacións ante o “grave atasco e importantes retrasos” na concesión de licenzas urbanísticas no termo municipal- Tamén vai pedir datos dos expedientes segundo os estudos de arquitectura, co obxectivo de coñecer se tratase dun colapso xeral provocado pola “mala xestión” do executivo local ou ben hai diferenzas “por cuestións anómalas”.

Os populares, que xa denunciaron públicamente a semana pasada que a concesión de bastantes licenzas podía adiarse durante catro anos co correspondente perxuízo para a veciñanza, explicitarán nos vindeiros días a acción de fiscalización que van emprender sobre o labor do goberno sobre o urbanismo. Nestes intres están a barallar a posibilidade de plantexar unha solicitude de comparecencia da alcaldesa ante o pleno da corporación ou ben unha batería de preguntas plenarias sobre esta cuestión.

“Dende que nos chegaron as primeiras queixas veciñais polos importantísimos retrasos na xestión do urbanismo local, o que xera importantes incomodidades aos cidadáns que queren construír ou rehabilitar unha vivenda, abrir un negocio ou ampliar unha empresa, a situación está a xerar un importante descontento social e as queixas multiplícanse, ademais, con acusacións por supostos casos de nepotismo”, sinalaron dende o PP, que deixaron claro que o seu obxectivo “ é unicamente mellorar a calidade de vida da xente e que o goberno local atenda as súas obrigas cos cidadáns nas competencias municipais”.

Por elo, e ante o incremento das queixas que están a recibir, os populares de Tomiño tamén queren coñecer se dende o Concello de Tomiño, tal e como nos sinalan algúns veciños, se está a recomendar aos veciños a xestión e contratación dos expedientes urbanísticos a determinados estudos profesionais de arquitectura alegando “un suposto coñecemento da normativa urbanística local que aceleraría os trámites”.