Xoves, 8 Maio de 2025

O PP de Tomiño cualifica de inaceptable que a alcaldesa minta en sesión plenaria sobre o consultorio de Goián

O voceiro do PP de Tomiño, Esteban González Miranda, cualificou de “inaceptable” que a alcaldesa, Sandra González, mentira no pleno do 19 de outubro, cando se debatía a moción presentada polo Partido Popular para instar ao goberno municipal a buscar unha nova ubicación ao consultorio de Goián.

Na devandita sesión plenarnia, o BNG argumentaba que non consideraba necesario o cambio de ubicación, sobre todo porque non tiña coñecemento de ningún informe negativo por parte do Sergas que o avalase e que agardaban a comunicación da unidade técnica que visitou o consultorio actual dias antes do pleno. “Días despois enterámonos de que a señora alcaldesa, Sandra González, era coñecedora do informe desfavorable da unidade técnica na mesma mañá do martes 19, mentindo a toda corporación na sesión plenaria”, informou o voceiro.

Esteban González, tilda de inaceptable que ocultasen tal información co único fin de non votar a favor da moción presentada polo PP de Tomiño e que si apoiou o PSOE tomiñés, e así evitar cambiar de ubicación o consultorio de Goián. “Con esta actitude demostran que o BNG está encantado de que non se reabra o consultorio para así seguir utilizando a sanidade con demagoxia e seguir enganando aos veciños coa única finalidade de atacar a Xunta de Galicia”, explicou o voceiro dos populares.

Na mesma sesión plenaria o PP presentou outra moción para instar ao Goberno de España a facilitar a cobertura do persoal médico na atención primaria e eliminar a taxa de reposición. Esteban González lembra que os mesmos PSOE e BNG que pedían hai anos a supresión dos límites as taxas de reposición son os que as seguen mantendo. “O responsable de que non se permita unha convocatoria de prazas MIR para incorporar máis profesionais ao noso sistema sanitario e cubrir as prazas necesarias é o Goberno de España”, salientou o edil, lembrando que a Xunta convocou todas a prazas de persoal sanitario que lle permite o Goberno.

O voceiro popular cualifica de “ilóxico” que se esixa a cobertura das prazas vacantes e que BNG e PSOE voten en contra de solicitar ao Goberno Central a convocatoria de máis prazas de médicos. “Esta é a defensa de BNG e PSOE, utilizando a sanidade co único fin de atacar a Xunta de Galicia utilizando aos veciños”, concluíu González Miranda.