O Concello xa ten todo listo para acoller a vindeira semana ‘O Nadal no mercado’, unha programación totalmente de balde pensada para conquistar aos máis pequenos da casa e que terá como escenario central o Mercado de Tomiño.
A primeira cita será con Migallas Teatro e o seu obradoiro ‘Arte e contos no Nadal’, unha sesión de contos onde o público escoitará relatos relacionados con estas datas tan sinaladas. Ao rematar a sesión de narración oral, os rapaces participantes realizarán actividades artísticas utilizando diversas técnicas. Esta actividade, dirixida a público infantil a partir de 4 anos, desenvolverase o vindeiro luns 26 de decembro ás 11.30 horas.
O xoves 29 de decembro será a quenda de Cía Eléctrica, que se subirá ao escenario do Mercado municipal de Tomiño para representar ‘Carabranca’, un espectáculo de narración oral pola igualdade baseado nun conto de Iván Sende e interpretado por Iria Pinheiro, licenciada en psicopedagoxía e actriz gañadora do Premio Maríaa Casares á mellor actriz e ao mellor texto orixinal en 2019 e do Premio Maruxa Villanueva á interpretación ese mesmo ano.
A través desta historia, cativos poderán divertirse con Carabranca, unha nena pirata que logra todo o que se propón, desafiando calquera perigo marítimo e terrestre que se lle presente. A partir do teatro de obxectos, a actriz conta unha historia na que se entrelazan as aventuras co ánimo de superación e valores que fomentan a igualdade. Será ás 11.30 horas.
A alcaldesa, Sandra González, convida a todos os tomiñeses a participar nestas actividades pensadas especialmente para público infantil e para desfrutar en familia das vacacións de Nadal dos máis pequenos.