14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoO Conservatorio Superior de Vigo ofrecerá un concerto de orquestra de corda...

    O Conservatorio Superior de Vigo ofrecerá un concerto de orquestra de corda e coro en Tomiño

    A actuación terá lugar o xoves 12 de maio no auditorio de Goián, baixo a dirección de Juan Carlos Díaz e Pablo Abreu

    O Conservatorio Superior de Vigo, en colaboración co Concello de Tomiño, ofrecerá un concerto de orquestra de corda e coro, o vindeiro xoves, 12 de maio, no Auditorio de Goián ás 20.00 horas.

    Pablo Abreu e Juan Carlos Díaz Álvarez dirixirán á agrupación coral e á orquestra, respectivamente. Este último, ex director da Agrupación Musical de Goián (durante 10 anos), explica que o concerto naceu da inquedanza de amosar o traballo do alumnado non só en Vigo senón tamén na periferia, brindando ao mesmo tempo, unha experiencia maior aos futuros profesionais do conservatorio.

    Na actualidade Díaz Álvarez, tamén veciño de Goián, dirixe as agrupacións orquestrais do conservatorio de música vigués onde é ademais profesor de tuba.

    O repertorio escollido para a ocasión é totalmente galego. O concerto comezará con “Impresión Nocturna” de Andrés Gaos, interpretado pola orquestra. Seguidamente, o coro interpretará “María Soliña”. A continuación orquestra e coro interpretarán “Canción de berce”, do mestre Rogelio Groba, de Ponteareas, e para finalizar ofrecerán “Cantigas de Mar”, do mesmo autor.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.