Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Tomiño ilumínase de verde en conmemoración do Día Mundial contra o Cancro

A iniciativa pretende contribuír á sensibilización do problema que a doenza representa na sociedade

Onte día 4 de febreiro conmemorouse o Día Mundial contra o Cancro e o Concello de Tomiño decidiu sumarse á iniciativa da Asociación Española contra o Cancro (AECC) de iluminar edificios públicos de relevancia en cor verde co obxectivo de dar visibilidade e contribuír á sensibilización do problema que o cancro representa na nosa sociedade.

A iniciativa é unha das moitas promovidas pola organización ao longo do ano e recalcan a importancia de fomentar hábitos saudables de prevención da doenza. Estímase que aproximadamente un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres vai ter cancro nalgún momento da súa vida, e cada ano no mundo diagnostícanse de cancro máis de 14 millóns de persoas, ocasionando esta doenza case 10 millóns de mortes.

Segundo datos da propia AECC, o ano pasado foron diagnosticadas en Galicia case 20.000 persoas e perderon a vida máis de 8.300, unha cifra que se espera que aumente nas próximas décadas.

O Concello estará iluminado de cor verde desde o 4 de febreiro ata o próximo domingo día 7.