Mércores, 11 Decembro de 2024

O CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián premia «á viaxe dunha vida»

Tinita Ozores, muller profeta na súa terra

O colexio ‘Pintor Antonio Fernández’ de Goián entregou hoxe o primeiro ‘Premio á Diversidade’ dos 18 que entregará este curso a unha persoa ou colectivo que leve a cabo algunha iniciativa que axude no camiño cara un mundo máis diverso no que prime o respecto e a tolerancia.

Este recoñecemento foi entregado a Tinita Ozores, merecedora deste primeiro premio honorífico “pola súa traxectoria vital nun tempo no que as mulleres o tiñan aínda máis difícil que agora”.

“Todos e todas deberiamos recibir unha ovación ao menos unha vez na vida, porque todos e todas vencemos ao mundo” (Do libro Wonder, R. J. Palacio)

Tinita é a madriña da aula de inglés do centro e nos vindeiros días cumplirá 90 anos polo que a entrega tivo un carácter máis emotivo cando as alumnas e os alumnos lle entregaron os agasallos e entoaron o Happy Birthday.

Clementina Ozores, ‘Tinita’, é licenciada en Filosofía e Letras, catedrática de inglés e veciña de Goián. Foi profesora de lingua inglesa en varios institutos ademáis de ser unha intrépida viaxeira que xa percorreu os cinco continentes e con intención de continuar polo que a súa lección de vida, tal e como reflexa a placa que dá nome a súa aula, é “viaxa para medrar como ser humano”.