7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoMáis de 30 de persoas reactívanse co programa de envellecemento activo do...

    Máis de 30 de persoas reactívanse co programa de envellecemento activo do Concello de Tomiño

    Esta nova edición hai moito novato, pero os máis veteranos xa advirten: o que proba repite. Así de claro o teñen os usuarios e usuarias do programa Reactívate do Concello de Tomiño, un plan de envellecemento activo e de hábitos saudables que regresou ás instalacións do Centro Vontade despois de dous anos de parón pola crise sanitaria. Unha nova edición que arrancou este mes de outubro con máis de 30 novas persoas inscritas que van dende os 55 aos 92 anos e entre as que, por primeira vez, hai catro matrimonios que acoden xuntos cada semana ás actividades.

    “A maioría anotámonos para manter a nosa memoria activa e para facer algunha actividade física que estamos na casa seguro que non facemos, pero tamén é unha forma de socializar, de quedar coas amigas, falar cos veciños e veciñas e, sobre todo, divertirnos. Porque pasámolo moi ben!”, coinciden en salientar as e os participantes no programa. Entre as novas caras do programa Isaura e Pepe, un matrimonio que antes residía en Vigo e que agora, xa instalados en Tomiño, están a aproveitar o programa para coñecer xente coa que compartir unhas horas de lecer en grupo durante a semana.

    A través de accións enfocadas a mellorar a memoria e a motricidade, os usuarios desfrutan de actividades como risoterapia, ioga, obradoiros de memoria, roteiros, talleres de creacións artística ou cinefórum, entre outras. Actividades das que usuarias como Ana saen encantadas despois de pasar un rato aprendendo cousas novas, aplicando técnicas que lles permite ter unha vida máis activa e acadando ferramentas que lles poden ser moi útiles e interesantes na súa vida cotiá.

    “Son actividades moi divertidas e accesibles para todos e todas. E non só o pasamos ben, senón que despois de tanto tempo encerrados e mantendo distancias tamén temos un motivo para saír da casa e manter unhas rutinas que en moitas ocasións esquecimos”, recalcan as e os participantes.

    O obxectivo deste programa de actividades, que rematará en xuño de 2023, é, como explica a alcaldesa, Sandra González, “mellorar a calidade de vida das persoas maiores do noso concello con actividades que favorezan a participación social e o mantemento das súas facultades físicas e psíquicas, algo que xa comprobamos de primeira man a pesar de que as clases acaban de arrancar”. Acompañada da concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, a rexedora quixo este martes facer unha visita aos dous grupos nos que está dividido o programa para falar cos usuarios e usuarias e transmitirlles o orgullo de velos e velas participar dun xeito tan activo e con tanta ilusión neste programa.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.