7.8 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoJavier Jurado desvela o poder da música na «IX Semana da Educación»...

    Javier Jurado desvela o poder da música na «IX Semana da Educación» de Tomiño

    O musicólogo afondará nas achegas da música para a formación integral do alumnado o martes 6 de febreiro no auditorio de Goián

    Os actuais avances sobre neurociencia avalan que a música é unha das materias capaces de activar todo o cerebro, xunto á educación plástica e visual e a educación física. Máis alá da súa importancia como porta de entrada á arte e á súa apreciación, a música é “unha ferramenta que fomenta a aprendizaxe e o rendemento, desenvolve o pensamento transversal e constrúe persoas máis afectivas, ledas e prudentes”.

    Esa contribución da música á formación integral do alumnado será o eixo central da charla de Javier Jurado na IX Semana da Educación de Tomiño, un encontro no que o docente e investigador ilustrará ao público sobre o papel do ensino musical como catalizador da adquisición de competencias educativas propias dos países da contorna entre a cativada.

    Jurado subirase ao escenario do auditorio municipal de Goián o vindeiro martes 6 de febreiro ás 19.00 horas coa súa conferencia ‘Educar na globalidade’, na que tamén abordará como “a experiencia musical dende a infancia dá pé ao desenvolvemento de seres sensibles, empáticos e equilibrados, un crecemento que se acentúa e retroalimenta ao facer e escoitar música”.

    Catedrático de Historia da Música no Conservatorio Superior de Música, onde desempeña o cargo de director do Mestrado en Creación, Interpretación e Investigación Musical, Javier Jurado ten impartido clases de música en diferentes niveis educativos, dende educación infantil ata universitaria, pasando por primaria, ESO ou bacharelato. Colaborador da Universidade Internacional de Valencia e director de teses na Universidade Politécnica de Valencia, o musicólogo desenvolve liñas de investigación sobre temáticas diversas, como a zarzuela en Galicia e a obra de compositores galegos como José Fernández Vide, Ángel Rodulfo, Bernardo del Río ou Reveriano Soutullo.

    Licenciado en Historia e Ciencias da Música e titulado superior en Frauta traveseira, Jurado tamén é doutor en Didácticas Específicas pola Universidade da Coruña e doutor en Humanidades pola da Rioxa. Ademais, compaxina o seu traballo co de director de Dos Acordes, unha empresa dedicada á preparación de oposicións docentes dende hai máis de 30 anos e outros servizos musicais, como o de editorial, discográfica ou produtora cultural.

    O Concello de Tomiño organiza por noveno ano consecutivo a Semana da Educación de Tomiño, unhas xornadas de balde protagonizadas por expertos e expertas do mundo educativo dirixidas tanto a persoal docente e educador como a pais, nais e familias que busquen informarse ou formarse en diferentes aspectos relacionados coa educación.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.