15 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoContinúa en Tomiño a formación en prevención de riscos laborais no ámbito...

    Continúa en Tomiño a formación en prevención de riscos laborais no ámbito forestal da Xunta

    A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), arranca hoxe en Tomiño unha nova edición do curso para a prevención de riscos laborais no manexo seguro da motoserra e rozadoira. A formación de carácter gratuíto impartirase durante as mañás de tres xornadas sucesivas para os seus quince alumnos.

    O curso ten a finalidade de lograr a plena integración da prevención en todos os labores, procesos e actividades do ámbito forestal, desde antes do comezo do traballo ata a desmontaxe da maquinaria sen esquecer o seu mantemento e sistemas de seguridade. Deste xeito, o plan específico do Issga pretende instruír ás persoas traballadoras e profesionais do sector nunha cultura preventiva para diminuír os accidentes laborais nestas tarefas de especial risco ao tempo que se mellora a calidade do traballo.

    O programa desta acción formativa céntrase no manexo seguro da motoserra e rozadoira, dúas das principais máquinas causantes de accidentes laborais no sector. Tamén se inclúen contidos sobre a vespa velutina ou o protocolo PAS (Protexer, Avisar e Socorrer). A formación complétase facendo fincapé na importancia da planificación das tarefas e a coordinación e comunicación entre as diferentes cuadrillas e empresas que comparten lugar de traballo.

    As actividades terán un carácter principalmente práctico para achegarse o máximo posible á realidade diaria destes traballos. Unha das particularidades é que os contidos tamén estarán dispoñibles en romanés, pois hai un colectivo importante de persoas traballadoras dese país no sector.

    Tomiño foi elixida sede do curso pola relevancia do ámbito forestal na zona e a alta demanda deste tipo de formación por parte dos profesionais do sector. O concello do Baixo Miño é a única sede pontevedresa das seis paradas que compoñen este ciclo de cursos do Issga. Tras a edición de Tomiño, o ciclo encarará a súa recta final en Valdoviño (A Coruña) e Esgos (Ourense).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.