A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, está a investir máis de 750.000 euros en proxectos globais de mellora da eficiencia enerxética nos CEIP Pedro Caselles, no Concello de Tomiño, e no Número 1 de Tui.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, e por representantes municipais e educativos, supervisou esta mañá esta dobre actuación en senllas visitas a estes dous colexios, nos que se está a proceder á substitución das carpintarías exteriores e á reparación de filtracións para mellorar o comportamento térmico de ambos inmobles de cara ao vindeiro curso académico, fixado para o vindeiro 8 de setembro.
Estas obras, que se están a acometer durante estas semanas de verán para tratar de rematalas antes do inicio da época lectiva, están orientadas á substitución das carpintarías exteriores preexistentes, xa que non ofrecen un axeitado illamento, carecen de rotura de ponte térmica e presentan diversos problemas nas caixas das persianas.
Deste xeito, as ventás están a ser renovadas por outras con rotura de ponte térmica, dobre acristalamento, cámara de aire e sistema de apertura oscilobatente. Ademais, estanse a reformar as caixas das persianas e a reparar filtracións de aire e de auga e, no caso do colexio tudense, tamén se modernizan os pechamentos das zonas de escaleiras.
Estas obras de eficiencia enerxética dan continuidade a outras melloras realizadas pola Xunta en ambos colexios en anos anteriores cunha contía de máis dun millón de euros que se destinou a reformas nos sistemas de calefacción e caldeiras, os aseos, as luminarias ou os espazos de ximnasio, entre outras, pero que ata a data non se centraran nas súas respectivas envolventes térmicas.

“Estamos a acometer obras en decenas de centros de toda a provincia de Pontevedra, cun investimento global de máis de 15 millón de euros, para convertelos en espazos máis confortables nos que se siga prestando a mellor atención educativa e, loxicamente, os municipios de Tui e Tomiño e toda a bisbarra do Baixo Miño benefícianse desta aposta da Xunta”, revelou o representante autonómico.
Ao respecto, cómpre sinalar que a Consellería de Educación está a investir na actualidade preto de 900.000 euros en cinco centros educativos destes dous municipios para deixalos en perfectas condicións para o comezo de curso. Así, destínanse 484.000 euros a esta mellora da eficiencia enerxética no CEIP Pedro Caselles de Tomiño e outros 277.000 euros para idéntica actuación no Número 1 de Tui e, a maiores, 66.000 euros para a substitución de carpintarías no Pintor Antonio Fernández de Tomiño, 55.000 euros para o cambio de luminarias no CEIP Sobrada de Tomiño e 16.000 euros para a renovación de sistemas eléctricos no CEIP Randufe de Tui.