8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoA Xunta licita a redacción do proxecto de ampliación e adaptación de...

    A Xunta licita a redacción do proxecto de ampliación e adaptación de espazos do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño

    A Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, sacou a licitación a redacción do proxecto para a ampliación e adaptación de espazos educativos e lectivos do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, no que se investirán 1.803.035 euros.

    O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, anunciou a apertura da fase de contratación deste proxecto, que definirá a mellora dos talleres de Formación Profesional (FP) e as novas aulas para atender o incremento do alumnado, nunha visita ao instituto acompañado da alcaldesa, Sandra González, do xefe territorial de Educación, César Pérez, e de representantes da comunidade educativa.

    A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai destinar 75.000 euros á redacción do proxecto básico e de execución para a ampliación do IES Alonso Ríos e a empresa adxudicataria disporá dun prazo de tres meses para a súa entrega.

    “Temos un compromiso coa educación pública da provincia e, por suposto, coa de Tomiño e o demostramos con feitos, xa que imos mellorar os colexios Sobrada, Pedro Caselles e Pintor Antonio Fernández con máis de 500.000 euros para renovar as luminarias e carpintarías exteriores e agora aceleramos o proxecto máis ambicioso, que beneficiará ao instituto, para que as obras poidan comezar o vindeiro ano”, detallou o representante autonómico.

    O proxecto de ampliación e adaptación de espazos do IES Antón Alonso Ríos está orientado a mellorar e incrementar a superficie dos talleres dos ciclos formativos das ramas de electricidade e agraria e a gañar máis aulas, posto que se incrementou a oferta da FP básica en electricidade e electrónica co conseguinte aumento do alumnado, o que dificulta a atención da demanda existente en Bacharelato.

    Na actualidade, o IES Antón Alonso Ríos está configurado cun único edificio que reúne as aulas de todas as modalidades educativas: Secundaria, Bacharelato, ciclos formativos e Formación Profesional.

    Por elo, a solución proposta pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade pasa pola ampliación do instituto coa construción de case 1.300 m² novos que permitirán aumentar a zona lectiva con 731 metros para dez novas aulas, que serán unha polivalente de FP, talleres para ciclos (2), aulas de Bacharelato (2), salas de apoio educativo e desdobre (2), un seminario, un espazo de foro e unha zona maker.

    Así mesmo, na zona de ampliación tamén se incrementará a superficie das áreas de administración e servizos comúns e das zonas de paso, que gañarán un 25% e favorecerán a ventilación e a circulación para conferir unha maior seguridade sanitaria.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.