O Servizo Municipal de Igualdade do Concello de Tomiño, proxectará os días martes 21 de xullo, e mércores 22, a película “Tódalas mulleres que coñezo”, de Xiana do Teixeiro; un filme estreado en 2018, seleccionado e premiado en distintos festivais.
Trátase dunha actividade dirixida á poboación moza, da franxa de idade comprendida entre os 16 a 30 anos, consistente en visionado on line do documental, e posterior faladoiro, tamén on line, coa intervención da directora.
O filme, de carácter documental, será proxectado mañá e pasado en aberto, propoñéndose como unha reflexión sobre o xénero, o espazo público e a liberdade.
Posteriormente, o xoves 23 ás 20.00 horas, celebrarase un faladoiro coa autora, Xiana do Teixeiro, no que se poderá compartir impresións, preguntar curiosidades e crear un espazo para a reflexión colectiva. O coloquio terá un límite de 25 persoas.
Tanto para o visionado do filme, coma para participar no faladoiro, é necesario inscribirse previamente. Para isto é preciso rexistrarse a través da web municipal, recibindo confirmación e indicacións para conectarse.
Tamén é posible facer unha pregunta ou reflexión enviando un correo electrónico ao enderezo [email protected] ou enviando texto ou nota de voz ao número de teléfono 698 157 414.
Estas actividades estás financiadas con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría General de Igualdad y contra la Violencia de Género.
