14.3 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoA ilustradora María Silva González gana o concurso de deseño para a...

    A ilustradora María Silva González gana o concurso de deseño para a camiseta das Letras Galegas en Tomiño

    MARÍA SILVA GONZÁLEZ de 23 anos e veciña da Guarda, resultou gañadora do CONCURSO DE DESEÑO DA CAMISETA DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2022 de Tomiño.

    Estudante de ilustración, galegofalante dende cativa e apaixonada do mundo do tatuaxe, recorreu a el neste deseño facendo referencia ao tribal. “A idea deste deseño xurdiu dunha situación que tiña gardada na miña memoria cando marchei estudar fóra. O noso profesor de galego non concibía o feito de que mais da metade dos alumnos fosen capaces de pronunciar palabras en inglés cun fonema similar ao x ou mesmo o nome de Shakira e deseguido amosasen complicacións para verbalizar palabras como xantar, xogar ou nomes como Sanxenxo. Sempre tiraba da retranca un pouco para saír do paso e son recordos que teño moi presentes”, explica María en relación ao seu traballo.

    Por outra banda, o 17 de maio (Día das Letras Galegas 2022, adicado ao poeta Florencio Delgado Gurriarán este ano) de 10h a 14h na praza do Seixo de Tomiño, repartiranse 800 camisetas DE BALDE (tallas dende 1 ano a XXXL) entre as persoas que participen activamente en todos os obradoiros organizados polo grupo de voluntariado da OMIX TOMIÑO. A oficina municipal agradece a participación de todas as persoas que enviaron os seus deseños (máis dunha ducia), cos que se realizarán adhesivos que tamén serán repartidos de balde.

    Ademais, ofertaranse obradoiros variados para todos os públicos, organizados polo grupo de voluntariado da OMIX. As persoas que participen en todos levarán de balde unha camiseta co deseño gañador deste ano 2022, coas tallas dispoñibles (dende 1 ano ata XXXL).

    Así mesmo, haberá un súper desconto achegado polo Concello (40%) e polas librerías do municipio (10%), co que durante esa xornada poderán mercarse LIBROS E CDs EN GALEGO á metade de prezo.

    Por último, a Agrupación Musical de Goián, actuará en concerto na Praza do Seixo de Tomiño, como acostuma a facelo cada ano no Día das Letras Galegas.

    Música e teatro en Galego

    RILLA RILLA TEATRO, de Xarope Tulú é a actividade pedagóxica de fomento da lingua a través do teatro que terá lugar no Auditorio de Goián o sábado 14 de maio ás 21.00h. Dirixido a todos os públicos, a peza tenta pór de manifesto a variedade dialectal do noso idioma.

    “A oferta desta actividade nace coa intención de dinamizar as Letras Galegas 2022, facendo partícipes da experiencia aos diferentes centros educativos da zona, co fin de difundir o interese sobre a nosa lingua, para aprender máis sobre ela e normalizar o seu uso”, explica a concelleira de Cultura, Ani Fernández Carrera.

    Outra actividade organizada para celebrar as Letras é o concerto “Queremos galego”, de Pablo Díaz e os seus músicos. Algunhas das súas cancións son himnos para moita rapazada que descubre con este artista que os animais falan ou as estrelas cantan. Será no Auditorio de Goián o domingo 15 de maio ás 17.30h e para todos os públicos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.