Mércores, 7 Maio de 2025

Visita a mostra do Xabarín Club e deixa a túa sinatura para unha canle infantil e xuvenil en galego 24 horas

Aberta ata o mes de xaneiro no Salón de Exposicións todos os martes de 17 a 19 h e os días que haxa actividade programada nas instalacións

O Salón de Exposicións acolle ata o vindeiro mes de xaneiro a mostra ‘Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG’, unha exposición creada polo alumnado do CEIP A Guía de Moaña ao abeiro da campaña da Mesa pola Normalización Lingüística para poñer en marcha unha proposición parlamentaria por iniciativa popular coa que conseguir unha canle con programación dirixida ao público infantil e xuvenil que garante unha canle en galego con contidos atractivos, de éxito actuais e pasados, educativos e de produción galega.

A mostra estará aberta ao público todos os martes de 17.00 a 19.00 horas, así como todos os días nos que haxa programada algunha actividade no Salón de Exposicións, permanecendo dispoñible dende media hora antes de comezar a actividade ata media hora despois de rematar.

Ademais de desfrutar da exposición durante a visita as persoas interesadas tamén poderán deixar a súa sinatura para respaldar a iniciativa e levar a proposición ao parlamento. Tamén se poderá asinar polas mañás achegándose ás dependencias do propio Concello en horario de 09.00 a 14.00 horas.