Sábado, 3 Maio de 2025

‘Violencia Zero’ no Rosal coa performance de Mónica Sueiro

O xoves 24 de setembro o concello acolle este proxecto de acción artística da Deputación de Pontevedra, que busca reivindicar a igualdade de xénero

O Rosal será o escenario sobre o que se desenvolverá ‘Subterránea’, unha performance de Mónica Sueiro que se desenvolve ao abeiro do proxecto ‘Mulleres en acción: Violencia Zero’, unha iniciativa de acción artística da Deputación de Pontevedra que busca empregar o espazo público para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual do problema da violencia machista. Esta espectáculo, de balde e dirixido a público adulto, terá lugar este xoves 24 de setembro ás 12.00 horas na Praza do Calvario. 

A directora de escena, actriz, dramaturga, figurinista e pedagoga teatral Mónica Sueiro chegará ao Rosal cunha acción escénica na que a protagonista loita por saír da invisibilidade, reivindicando a súa presenza, conquistando a palabra, recoñecendo os seus propios méritos, facéndose forte e collendo impulso para volver ao seu territorio. Sueiro comeza a súa formación na Aula de Teatro Universitaria de Ourense con Sarabela Teatro, na que compaxina os seus traballos de actriz cos deseños de vestiarios. Dende entón continúa a formarse con grandes profesionais da interpretación, dirección e creación escénica do panorama nacional e internacional. Despois de estar uns anos centrada na dirección de escena e na pedagoxía teatral, retoma o seu proxecto como intérprete atendendo aos códigos escénicos que lle interesan e na procura de novas linguaxes.

‘Subterránea’ forma parte das acción artísticas preparadas para a quinta edición do programa ‘Violencia Zero’ promovido pola Diputación, que emprega a arte como axente mobilizador de conciencias ao tempo que ensalza o empoderamento da muller no campo cultural e artístico. É unha proposta de sensibilización para fomentar na veciñanza unha actitude crítica, visibilizar o traballo das artistas galegas, promover o achegamento á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos e incentivando a integración de mulleres e homes na loita contra unha realidade que afecta a todos e todas.