15.8 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalRecoñecemento no Rosal ás mulleres artistas silenciadas coa acción de Mónica Sueiro...

    Recoñecemento no Rosal ás mulleres artistas silenciadas coa acción de Mónica Sueiro no programa provincial “Violencia Zero”

    Á cita escénica, organizada pola Deputación, asistiu alumnado e profesorado de 6º de Primaria do CPI Manuel Suárez Marquier, así como integrantes da Asociación Avelaíña

    “Subterránea” é a peza coa que a artista Mónica Sueiro reivindicou na praza do Calvario do Rosal ás mulleres pintoras e artistas que foron silenciadas ao longo da historia, ante ao redor de 60 persoas entre as que se atopaban o alumnado e profesorado de 6º de Primaria do CPI Manuel Suárez Marquier e integrantes da Asociación Avelaíña. Á presentación desta acción, enmarcada no programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra, tamén asistiron a deputada de provincial de Igualdade, Victoria Alonso; a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; e a concelleira de Igualdade, Sara Vicente.

    A acción teatral “Subterránea”, creada ex profeso para Violencia Zero por Sueiro, orbitou ao redor dalgunhas grandes artistas da pintura da historia, que aínda que tiveron que sortear moitos obstáculos para destacar nun mundo de homes, algunhas conseguiron acadar o recoñecemento na súa época. Na peza, a artista amosou como “a muller subterránea” loita e resiste na illa da invisibilidade para facerse visible, persevera, crea e reivindica a súa presenza. Amais, Mónica Sueiro tamén fixo unha metáfora desas mulleres que saben o que é sufrir, pero que collen forzas, se afirman, non renuncian a si mesmas e van saíndo á luz.  

    Na súa intervención, a deputada Victoria Alonso puxo en valor a importancia de levar a cabo programas como “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, “o programa bandeira da Deputación para acabar coa violencia machista, unha lacra que agravouse coa pandemia e non podemos mirar cara outra lado”. En canto á acción escénica de Mónica Sueiro, a deputada de Igualdade valorou positivamente a peza que “resalta a figura das moitas mulleres artistas que non foron visibilizadas”. Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Sara Vicente, aproveitou para agradecer a iniciativa da Deputación e tamén a implicación do colexio e do alumnado que “son unha parte fundamental nesta loita”.

    Esta foi a décimo oitava acción levada a cabo dentro da quinta edición do programa, iniciada en novembro de 2019. “Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir a 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.