Mércores, 14 Maio de 2025

Oia reanuda o proceso selectivo para a contratación de 10 persoas ao abeiro do Plan Concellos

Tras os tres días establecidos para a subsanación de excluídos, publicarase a lista de admitidos, baremaranse os méritos e faranse as probas selectivas

Tras a suspensión de todos os procedementos nas Administracións públicas por mor do estado de alarma para xestionar a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, este luns 11 de maio reanúdase o proceso selectivo para a contratación de 10 traballadores ou traballadoras ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O proceso selectivo retomarase co establecemento de tres días hábiles para a subsanación outorgada ao candidato excluído, a mesma fase na que se tivo que suspender o procedemento.

Rematado o prazo de subsanación publicarase a listaxe definitiva de persoas admitidas no proceso, o tribunal e as datas de baremación de méritos. O último paso do proceso será a celebración de diferentes probas selectivas.

Todo o proceso levarase a cabo durante o mes de maio, coa previsión de que as persoas que finalmente pasen o proceso selectivo comecen a traballar o próximo 1 de xuño de 2020. Todas as contratacións serán a xornada completa e terán unha duración que oscilará entre os seis e os nove meses dependendo do posto ocupado.

Estas 10 contratacións fanse ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o ano 2020, destinada ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. En total serán 3 persoas para o posto de oficial albanel, unha persoa para o de oficial electricista, outras catro persoas que se dedicarán á recollida de lixo e limpeza viaria, unha persoa para condutor/a-operario/a de maquinaria forestal con motor en xeral e outra persoa para a ocupación de auxiliar domiciliario.