Domingo, 4 Maio de 2025

O Rosal incorpora dúas novas traballadoras ao persoal municipal

A través do programa O teu primeiro emprego da Deputación de Pontevedra

Dúas novas traballadoras acaban de incorporarse ao persoal do Concello do Rosal a través do programa O teu primeiro emprego da Deputación de Pontevedra. Trátase dunha persoa con titulación de arquitecto que traballará durante os vindeiros meses no departamento de Urbanismo e doutra especializada en administración e finanzas que xa se incorporou ás oficinas xerais do Concello. “Non só é unha oportunidade para contar con novos profesionais no Concello, senón que deste xeito tamén podemos axudar aos mozos e mozas a desembarcar no mundo laboral e a contar cunha experiencia á que sacarán moito partido por todo o que continuarán aprendendo”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Estas dúas persoas contan cun contrato laboral de seis meses prorrogables por outros seis e cunha retribución segundo o estipulado nas bases da convocatoria.

Con esta iniciativa a Deputación de Pontevedra busca facilitar que as persoas tituladas universitarias e de ciclos superiores de formación profesional poidan acceder dentro da provincia a un primeiro emprego parello ao nivel de estudos cursados, adquirindo experiencia profesional e facilitando a súa futura inserción no mercado de traballo.