Domingo, 16 Febreiro de 2025

O Rosal dedica un mural a Xulia Suárez, Adela Álvarez e Rufina Domínguez, tres rosaleiras referentes na súa época

O Rosal continúa a tinguirse de cor e mensaxe cunha nova intervención mural en instalacións municipais. O vindeiro martes 19 de outubro, ás 19.00 horas, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurarán ‘Mulleres do Rosal’, unha nova intervención artística realizada polas artistas do proxecto ‘Exposta’ baseada no espírito da iniciativa ‘Revolucionando mentes’ cun deseño innovador e orixinal que fala a favor da igualdade de xénero.

O mural está dedicado a Xulia Suárez (1952-2010), Adela Álvarez (1910-2002) e Rufina Domínguez (1893-1978), tres mulleres senlleiras do Rosal e referentes nas súas épocas en diferentes ámbitos, como a cultura ou o benestar. A intervención, que contou co financiamento da Deputación de Pontevedra, poderá visitarse nun dos laterais do pavillón municipal, un espazo escollido pola súa localización idónea ao ser unha zona moi transitada co concello, céntrica, de libre acceso e cun alto impacto visual no conxunto do núcleo urbano.

Este mural é “unha nova oportunidade para devolverlle o protagonismo a aquelas persoas que o merecen ao tempo que sensibilizamos e facernos reflexionar, revolucionando mentes cara a unha sociedade máis respectuosa e empática”. “A información é a arma máis poderosa que temos para cambiar a mentalidade da sociedade xeral e para concienciar á veciñanza sobre a importancia da igualdade real e efectiva. Convidamos a todos os rosaleiros e rosaleiras a acompañarnos na inauguración, a desfrutar deste mural e a reflexionar sobre o reto colectivo que temos coa igualdade”, sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

‘Expostas’ é un proxecto formado Lorena Arévalo, Cristina Navia, Susana Maceiras e Vanesa Álvarez, dando vida a unha iniciativa froito da sinerxía entre un grupo de mulleres con experiencia e formación en socioloxía, xénero, deseño, comunicación, arte mural, arte participativo e activismo, dotando a ‘Expostas’ dun sentido máis alá do urbano e máis alá do representado.

Esta nova intervención artística forma parte do proxecto Revolucionando Mentes, posto en marcha polo Concello para dar esa “sacudida” ás veces necesaria para que as personas continúen evolucionando e avanzando.