Domingo, 4 Maio de 2025

O Rosal dá o primeiro paso para a remodelación da Praza do Calvario

Primeira reunión entre o Concello, técnicos do plan Ágora da Deputación e a empresa que redactará o proxecto básico e de execución

Primeiros pasos para a remodelación integral da Praza do Calvario e a súa contorna. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, tres concelleiros, o arquitecto municipal e dous técnicos da área de Mobilidade da Deputación de Pontevedra pertencentes ao plan Ágora mantiveron este mércores a primeira reunión co equipo da empresa adxudicataria encargada da redacción do proxecto construtivo, básico e de execución para a transformación deste núcleo urbano, Urbin. “É un proxecto que abordamos con moitas ganas e ilusión, porque vai supoñer a unha mellora importante para o municipio. Buscamos transformar o noso concello e recuperar espazos para as persoas, sempre dun xeito ordenado e contemplando todas as variables precisas, como a reordenación do aparcamento”, salienta a rexedora.

Trátase dunha remodelación integral da praza encaixada na estratexia de desenvolvemento integral do núcleo urbano do Rosal, que busca recuperar espazos públicos de calidade para a veciñanza e que servirá de modelo para o resto do municipio. Este encontro foi unha primeira toma de contacto para abordar todas as necesidades que se deben ter en conta á hora da elaboración do proxecto, así como os procedementos a seguir coas autoridades con competencias na Praza do Calvario, a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e Estradas de Galicia.

Agora “quedan 5 meses de intenso traballo por diante” nos que traballar man a man, tamén coa tecido económico e social do municipio, xa que para a elaboración deste proxecto o equipo redactor contará tamén coa veciñanza, á que se lle dará voz a través dun proceso participativo para que sexa a propia sociedade a que opine, faga suxestións… sobre o futuro da praza.

O proxecto de reforma manterá o uso polivalente da praza e da súa contorna, pero cun marcado carácter peonil, servindo de espazo de convivencia e lecer da veciñanza, incrementando o dinamismo comercial da zona e garantido o acceso a residentes e carga e descarga dos establecementos comerciais.