Nestes días de Nadal que están a piques de rematar, o comercio do Rosal vístese de gala dun xeito moi especial. Nos seus escaparates e tendas locen uns adornos de excepción, xa que foron elaborados con moito agarimo polas alumnas e alumnos dos colexios do municipio.
Durante a última semana lectiva do ano os colexios do Rosal colaboraron nesta iniciativa do Concello que agora busca contribuír a que os reis magos fagan as súas compras en clave local, nos establecementos e comercios do municipio.
[su_image_carousel source=”media: 28067,28068,28070,28071″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Debuxos, pezas xeométricas en tres dimensións, manualidades e moitos máis adornos froito da creatividade das nenas e nenos rosaleiros son o resultado desta iniciativa, que o concello distribuíu polos diferentes establecementos.
“Trátase dunha iniciativa moi bonita na que as persoas máis novas do Rosal, as nosas nenas e nenos, xa están a axudar e contribuír a mellorar o noso municipio coa súa creatividade e co seu agarimo” declaraba a alcaldesa, Ánxela Fernández, que engadía que “comprar no comercio local é moi importante sempre, pero este ano é esencial que apostemos polos comercios das nosas veciñas e veciños”
O Concello da comezo así a unha semana repleta de actividades en torno á chegada dos Reis Magos con espectáculos e percorridos polos barrios cumprindo con todas as medidas de prevención.