17.5 C
Pontevedra
Venres, 4 de Outubro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Concello expón o proxecto da futura Praza do Calvario á veciñanza

    O Concello expón o proxecto da futura Praza do Calvario á veciñanza

    O proceso participativo realizou esta semana con sete reunións co tecido económico e social do municipio celebradas no salón de exposicións con todas as medidas de seguridade

    O Concello do Rosal realizou esta semana o proceso participativo de exposición do proxecto de recuperación integral da Praza do Calvario e a súa contorna. Un proceso co que se trata de dar voz á veciñanza que arrancou con sete reunións co tecido celebradas no salón de exposicións do Concello con todas as medidas de seguridade e na que participaron representantes do tecido económico e social. “Queremos unha recuperación integral do espazo tendo sempre en conta as particularidades do propia Praza do Calvario, cun valor patrimonial singular”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Trátase dun primeiro paso, xa que “continuaremos estudando a fondo a realidade da contorna e as necesidades da veciñanza, coa que seguiremos  en contacto para recoller cuestións máis particulares”.

    Dende o Concello quere agradecerse a participación de todas as persoas que acudiron aos encontros celebrados esta semana. “É un proxecto que abordamos con moitas ganas e ilusión, porque vai supoñer unha mellora importante para o municipio. Queremos facer unha transformación completa dunha praza que agora se está a empregar como aparcamento e glorieta, recuperándoa para as persoas sempre dun xeito ordenado e contemplando todas as variables precisas, como a reordenación do aparcamento, con alternativas para os e as usuarias”, destaca a rexedora.

    A recuperación, encaixada na estratexia de desenvolvemento integral do núcleo urbano do Rosal, manterá o uso polivalente da praza e da súa contorna, pero cun marcado carácter peonil e accesible, servindo de espazo de convivencia e lecer da veciñanza, incrementando o dinamismo comercial da zona e garantido o acceso a residentes e carga e descarga dos establecementos comerciais. Buscará dotar de identidade e representatividade á contorna, reurbanizándoa con materiais que preserven e potencien o carácter patrimonial e arquitectónico existente, dignificando a beleza das edificacións.

    O proxecto buscará dar continuidade á Praza coa súa contorna, favorecendo a conexión dos espazos próximos para poñelos en valor, mellorando as condicións ambientais e paisaxísticas, con solucións que melloren o confort acústico e térmico cun mobiliario urbano que dignifique a zona e solvente as necesidades da veciñanza. Ademais, a obra incluirá a renovación das redes soterradas de instalacións e servizos, cunha nova rede de alumeado público eficiente.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.