Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello do Rosal apoia á manifestación en defensa da sanidade pública

O Concello do Rosal quere trasladar o seu apoio á gran manifestación en defensa da sanidade pública que se celebrará o vindeiro domingo 9 de febreiro en Santiago de Compostela. O equipo de Goberno anima a toda a veciñanza a participar nesta actividade convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para protestar contra o desmantelamento dos centros de saúde, contra o deterioro da atención primaria e dos PAC de Urxencias e contra a precariedade laboral do persoal sanitario.

O Concello do Rosal denuncia a situación de precariedade da sanidade pública na comarca e defendendo “o dereito de toda a veciñanza a unha sanidade pública, digna e de calidade, un dereito que debe ser intocable”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández.

A falta de medios materiais e persoais é unha constante dende hai anos no Rosal, unha situación que se trasladou en numerosas ocasións á Consellería de Sanidade e ao Sergas sen obter unha resposta que dea solución aos problemas non só no municipio, senón en toda a comarca. “O Concello defenderá sempre o interese colectivo loitando pola defensa do que consideramos unha necesidade básica da nosa veciñanza”, recalcou.

Na actualidade o Concello vén sufrindo na área sanitaria deficiencias motivadas pola falta de cobertura de prazas e o alto ratio de Tarxetas Sanitarias Individuais atendidas polo persoal médico, o que provoca unha sobrecarga nas consultas.