Luns, 12 Maio de 2025

O ciclismo volverá rodar no Rosal na 29ª edición do Trofeo Pista de As Faias

A proba acollerá a máis dun centenar de deportistas de categorías inferiores o vindeiro sábado 28 de agosto

As bicicletas volverán rodar no Rosal na 29ª edición do Trofeo Pista de As Faias, que se levará a cabo o vindeiro sábado 28 de agosto en Tabagón. Máis dun centenar de deportistas das categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís, e cadetes, competirán nunha proba federada de “relevancia no Circuíto Galego”, afirma o director deportivo do Club Ciclista O Rosal, Alberto Rodríguez.

A alcaldesa, Ánxela Fernández, quere dar “os parabéns” ao Club polo seu “gran traballo polo deporte e a educación en valores”. “Levan moitos anos sendo uns dos principais promotores do deporte no Rosal, inculcando a nenas e a nenos o valor do esforzo, da paixón, da superación… E formando grandes profesionais do ciclismo como Serafín Martínez ou Gustavo Otero”, destaca a rexedora.

“O confinamento visualizou o importante que é a actividade física para saúde, e a oportunidade deportiva que dá o Club á veciñanza é unha sorte”, afirmou o concelleiro de Deportes, Germán Fernández. O director deportivo coincide co edil, e engade ademais que durante este ano teñen o dobre de ciclistas no equipo que antes da irrupción da COVID. “Unha moi boa noticia”, conclúe.