11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Apalpador conta a súa historia cun divertido espectáculo no Rosal

    O Apalpador conta a súa historia cun divertido espectáculo no Rosal

    O Apalpador é un personaxe da tradición popular galega nacido no Courel, un pastor mangallón e de bo carácter, con ollada doce e longas barbas coradas que, co seu abrigo cheo de remendos e a grandes zancadas, percorre Galicia enteira. E este venres 23 de decembro chega ao Rosal para divertir a pequenas e maiores contando a súa historia.

    Será ás 18.00 horas no auditorio municipal e da man da compañía Títeres Cachirulo, que representará ante o público Rosaleiro ‘A historia do Apalpador’, un divertido espectáculo de monicreques que nos permitirá debullar o día a día desta peculiar figura que visita a nenos cada Nadal. E é que, durante o ano o Apalpador fabrica carbón, vive dos froitos silvestres, recolecta mel e fai aparecer coas ramas dos bosques os xoguetes que as madeiras esconden. O 31 de decembro baixa aos pobos, visita aos nenos e nenas casa por casa e lles deixa como agasallo castañas quentes e divertidos regalos de madeira.

    Creada en 1985, a compañía Títeres Cachirulo caracterízase por unha rica produción de espectáculos que combina textos clásicos con autorías propias dunha gran variedade técnica. Coas súas obras levan percorrido os escenarios de numerosas programacións e festivais internacionais tanto en Europa como en América, colleitando importantes premios.

    A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a todos os rosaleiros e rosaleiras a desfrutar deste espectáculo familiar que sen dúbida fará as delicias dos máis cativos e cativas da casa. A entrada será de balde ata completar aforo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.