Sábado, 3 Maio de 2025

Máis de 800 participantes tomarán a saída este domingo no «Trail Adventure Muíños de Folón» no Rosal

O Trail Adventure Muiños do Folón, que se disputará este domingo no Rosal, será a primeira proba da I Pontevedra Trail League, unha competición na que tamén figuran o Trail do Románico e o Trail do Tegra. A próxima fin de semana reuniranse máis de 800 persoas na terceira edición dunha proba espectacular e que creceu co paso do tempo. Os organizadores tiveron que ampliar o número de prazas e pechar as inscricións ante o elevado número de peticións.

No acto de presentación do Trail Muiños do Folón, que tivo lugar no restaurante Casa da Pintora, reiterouse ao importancia desta modalidade deportiva, cun gran crecemento nos últimos anos e que combina o esforzo físico co contacto coa natureza, a gastronomía e a historia. Foron elementos aos que se referiu Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal, canso dinalaba que “é un orgullo formar parte deste proxecto nun lugar tan emblemático e cheo de lendas como os muiños do Folón. Ademais coincide co día da muller, polo que entre todas e todos imos darlle maior realce posible”.

A rexedora municipal tamén se referiu ao impacto económico que deixarán as máis de 1.500 persoas, entre deportistas, acompañantes e organizadores, que rodean a proba. Ánxela Fernández agradeceu a achega das institucións privadas e públicas.

Pola súa banda, o deputado de Deportes, Gorka Gómez, subliñaba que “fomentar, apoiar, divulgar, favorecer e dinamizar este tipo de actividades é ao que damos preferencia desde a Deputación de Pontevedra. O lugar é máxico”. O deputado referiuse tamén á creación por primeira vez da Pontevedra Trail League, que aglutinará tres competicións de trail: “O proxecto é moi interesante. Desde a Deputación de Pontevedra non tivemos dúbidas en apoialo. Para todos é algo apaixonante”. Engadiu que “o deporte é un investimento para o futuro e tamén en saúde”

O Trail Adventure Muiños do Folón reunirá a máis de 800 participantes o vindeiro domingo desde as dez da mañá. Na modalidade de advance, os participantes afrontarán 21 quilómetros. Os de adventure serán de 12 quilómetros. No programa tamén se incluíu a tradicional andaina de 10 quilómetros. No perfil de inscricións figuran unha gran porcentaxe de persoas procedentes de Portugal, ademais das catro provincias galegas.

Serafín Martínez, director técnico da proba, indicou que “sempre é complexa unha organización con tantas persoas. Pero xa temos experiencia. Un dos principais obxectivos é que todos sentan cómodos”. Reiterou que “entre todos demos un paso máis. A achega do Concello do Rosal e o apoio da Deputación de Pontevedra son claves nestes proxectos”.

Ademais da competición, que se desenvolverá nun espazo emblemático, a organización ten previsto unha serie de alicientes especiais. Poderase visitar unha adega da zona, previa inscrición; as e os deportistas recibirán unha camiseta conmemorativa e todos e todas terán unha medalla amais de trofeos aos e ás mellores, trofeos deseñados por José Luis Rodríguez, recoñecido escultor.