11.8 C
Pontevedra
Xoves, 2 de Maio de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalFusión de bailes este verán para a mocidade do Rosal

    Fusión de bailes este verán para a mocidade do Rosal

    O Concello ofrece este mes de xullo e agosto un obradoiro de 4 sesións no que rapaces e rapazas maiores de 12 anos mergullaranse no baile

    Ao abeiro da programación de lecer destinada á mocidade rosaleira, o Concello do Rosal pon en marcha este verán un obradoiro monográfico de baile moderno no que os rapaces e rapazas maiores de 12 anos mergullaranse en distintos tipos de danzas. Neste taller, os mozos e mozas participantes coñecerán máis de preto a fusión de bailes urbanos como o funky, o hip-hop, o gym-jazz ou o street dance con outros como o ballet clásico, a danza ou o jazz que comezou a desenvolverse nos anos 70.

    O obradoiro celebrarase os luns 19 de xullo e 2, 9 e 16 de agosto en horario de 10.00 a 12.00 horas. As persoas interesadas en participar deberán facer a inscrición previa a través da páxina web do Concello. O prezo do curso será de 18 euros por persoa e o prazo de inscrición remata o vindeiro 12 de xullo.

    No caso de non cubrirse o mínimo de prazas para poder desenvolver o obradoiro, dende o Concello enviarase un correo electrónico a cada participante para que proceda a facer o ingreso do prezo do curso e garantir e formalizar a praza.

    Con este tipo de actividades o Concello busca favorecer unha programación de lecer o máis variada posible para este verán na que se fomente a participación de toda a mocidade rosaleira.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.