9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalEspectáculo estático para recibir este 5 de xaneiro ao Reis Magos no...

    Espectáculo estático para recibir este 5 de xaneiro ao Reis Magos no Rosal

    A actuación de Peter Punk (17 h) quentará motores para a chegada das súas maxestades á Praza do Calvario ás 17.45 h

    Os Reis Magos continúan adaptándose á realidade sanitaria para seguir achegando a súa maxia a rosaleiros. O vindeiro 5 de xaneiro a Praza do Calvario dará a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar, que cambiarán a tradicional cabalgata por unha tarde de lecer para público infantil e familiar cun espectáculo estático con todas as medidas de seguridade.

    A tarde comezará ás 17.00 horas co novo espectáculo de Peter Punk, ‘Punkdemia’, unha mestura de circo, malabares, humor e clown perfecta como antesala á chegada das súas maxestades. Un espectáculo viral no que, a través de catro fases, Peter Punk e o seu vello amigo Tranquilo amosarás a súa particular visión da pandemia: o público poderá ver como se viste un pallaso para protexerse da pandemia, malabares con coronavirus ou unha nova técnica para botar o virus do corpo empregando globos dun xeito sorprendente. Para rematar, descubrirá a Vacina da Risa e subirá á Corentrona, unha cadeira de rodas na que Peter Punk amosará as súas habilidades e baixará a rampla da desescalada para bater co muro dos recortes.

    Xa ás 17.45 horas os Reis Magos de Oriente chegarán ao Concello escoltados polo Trebón do Xidos, onde serán recibidos polos cantos de reis dos grupos de música tradicional do municipio Lirolai, Orballo, Os Carballas e Airiños do Folón. Ás 18.00 horas as súas maxestades saudarán aos nenos e nenas dende a balconada do Concello.  

    Todas estas actividades serán de balde con entrada libre ata completar aforo e con todas as medidas de seguridade necesarias, respectando o uso de máscara e a distancia social. “Seguimos apostando pola cultura segura, adaptándonos de forma rápida ás novas circunstancias da actual situación sanitaria para que os rosaleiros e rosaleiras poidan seguir desfrutando do lecer priorizando a saúde”, salientou a alcaldesa Ánxela Fernández. A rexedora quixo agradecer ademais “a colaboración dos grupos tradicionais e de todas e todos os participantes nestas actividades, así como do público, que acolle as medidas de seguridade con total naturalidade e cumpre todas as normas que a COVID-19 nos está obrigando a implementar”.

    En caso de choiva a actividade trasladarase ao pavillón municipal, onde o público poderá gozar da actuación de Peter Punk e da visita e dos saúdos dos Reis Magos. Ao ser un espectáculo nun espazo pechado solicitarase ao público o certificado COVID.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.