Martes, 6 Maio de 2025

Concello e Deputación exploran os proxectos chave para O Rosal

Aproveitando a inauguración do mural adicado á memoria histórica das mulleres do Rosal, a alcaldesa, Ánxela Fernández, reuníuse coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, para expoñerlle os proxectos prioritarios para o Concello e o municipio.

No relativo a recuperación da praza do Calvario, a Deputación financiou a redacción do proxecto a través do plan Ágora, a rexedora mostrou os novos avances duns traballo que “esperamos comezar este mes de novembro” e do cal solicitaron a axuda ReacPon. A alcaldesa tamén aproveitou a reunión para destacar a ampliación do Mercado do Rosal e solicitar a súa inclusión dentro do Plan Concellos 2021.

Durante a reunión tamén se fixaron as chaves do proxecto da mellora de mobilidade peonil na EP-3303 Tabagón-Goián. As obras da primeira fase desta esperada actuación están a piques de comezar nos vindeiros días e a presidenta provincial tamén confirmou que nas próximas horas a Deputación remitirá xa ao Concello o proxecto redactado da segunda fase para que poida ser aprobado canto antes e tramitar o convenio.

A actuación Tabagón-Goián suporá unha transformación radical deste viario de 4,5 quilómetros que transcorre polos concellos do Rosal e Tomiño, estendendo un modelo de mobilidade centrado na recuperación do espazo para as persoas e na redución do CO2. A primeira fase rematará na baixada da Barroza en As Eiras, e a segunda finalizará o tramo que queda na mesma parroquia.

En concreto, crearase un carril peonil e ciclista, completarase a plataforma de circulación cunha beiravía, acondicionaranse dous carrís de 2,80 metros de ancho, instalaranse redutores de velocidade, renovarase a rede de drenaxe e farase a canalización soterrada da rede de iluminación pública. Ademais, na zona do CRA María Zambrano disporase dunha plataforma única con limitación de velocidade a 20 quilómetros por hora.