Domingo, 4 Maio de 2025

Chega ao Rosal o xabaril máis famoso

O Salón de Exposicións do Concello acolle a mostra ‘Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG’

O Xabarín Club arrasou nas tardes da TVG a finais do século pasado e ata deu nome á xeración de rapaces e rapazas que se achegaron a unha programación infantil e xuvenil en lingua galega. Onte venres 4 de decembro o xabaril máis famoso das últimas décadas para moitos galegos e galegas chega ao Rosal, que acolle no Salón de Exposicións do Concello a mostra ‘Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG’.

Esta exposición é unha das accións da Mesa pola Normalización Lingüística para por en marcha unha proposición parlamentaria por iniciativa popular coa que conseguir unha canle ‘Xabarín’, con programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñible en todas as plataformas de contidos audiovisuais así como app actualizadas que garantan unha canle en galego con contidos atractivos, de éxito actuais e pasados, educativos e de produción galega. Na mostra, as persoas interesadas en dar respaldo a esta iniciativa poderán deixar a súa sinatura para levar esta proposición ao parlamento.

Con esta iniciativa búscase ademais, entre outros obxectivos, que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego na programación de canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa app e que a Xuta chegue a acordos con outras administracións e empresas como Movistar, Netflix, HBO… co fin de garantir a opción dobrada e lexendada ou galego en todas as plataformas dixitais de televisión.

Trátase así de reverter a situación actual, na que a lingua galega é a única oficial do estado que non conta cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil, que ocupa apenas un 4,6% da programación semanal e o 2,7% na fin de semana. Lonxe quedan os anos 90, nos que Galicia se situou á vangarda dos contidos infantís e xuvenís coa programación do Xabarín Club na TVG, coa que se contribuíu decisivamente á normalización da lingua galega e á difusión da música, da produción audiovisual e escénica desenvolvida na comunidade.

A exposición estará aberta ao público ata o mes de xaneiro.